A Xunta adxudica por máis de 1,3 M€ as obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546

A intervención proxéctase nas vías citadas ao seu paso polos concellos de Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira
 

Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses e prevese inicialos na primeira quincena de setembro
 

Melloraranse as características superficiais do pavimento nos treitos máis deteriorados para aumentar a seguridade dos usuarios
 

As actuacións están encamiñadas á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade
 

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o departamento que dirixe Ethel Vázquez para conservar as estradas autonómicas

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta adxudicou por máis de 1,3 millóns de euros as obras de reforzo do firme nas estradas AC-400, AC-406 e AC-546, ao seu paso polos concellos de Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira

 

Os traballos, adxudicados á empresa Explotaciones Gallegas, S. L., teñen un prazo de execución de 6 meses e iniciaranse previsiblemente na primeira quincena de setembro. O contrato asinarase nas vindeiras semanas.

 

Trátase do reforzo do firme encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimento naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro, para aumentar a seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán.

 

Estas obras, ademais, facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións: Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira. 

 

As actuacións que se van realizar están encamiñadas á reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.

 

Estas obras están incluídas no Plan de Reforzos de firme que está a desenvolver o departamento que dirixe Ethel Vázquez para conservar as estradas autonómicas e investir na súa mellora coa fin de garantir a seguridade dos cidadáns e mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os galegos.

Data de actualización: 10/08/2022