O próximo luns finaliza o prazo de inscrición para a cuarta edición da aceleradora BFAero

Ata o 15 de agosto, ás 14:00 horas, empresas ou proxectos empresariais poden presentar as súas candidaturas para incubar ou acelerar ideas innovadoras para o sector aeroespacial en Galicia
 

A gran novidade desta edición da iniciativa impulsada polo Goberno galego é o itinerario de consolidación para aqueles proxectos que xa contan cun maior grao de madurez e presenza nos mercados
 

A Xunta de Galicia acaba de aprobar que sete empresas pasen á fase final do proceso de selección dos futuros socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial: Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Sistema y Montajes Industriales, Telespazio e a UTE formada por Aertec e Tecnobit

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Business Factory Aero (BFAero), pechará o período de inscrición para a súa cuarta edición o próximo luns 15 de agosto ás 14:00 horas. Ata ese momento, as ideas innovadoras para o sector aeroespacial interesadas en formar parte do ecosistema galego no segmento dos vehículos non tripulados poden presentar as súas candidaturas para optar a unha das 11 prazas habilitadas na edición máis completa das desenvolvidas ata o momento en Galicia.

 

A través da páxina web desta iniciativa promovida pola Xunta de Galicia (www.bfaero.es), pódese tramitar a inscrición e consultar as bases da convocatoria. A novidade desta edición é que ademais dos itinerarios de incubación e aceleración habituais, promóvese unha fase complementaria de consolidación, orientada a un total de catro proxectos que xa conten cun maior grao de madurez e presenza nos mercados. A intención é ampliar o alcance da BFAero a todos os estadios do talento emprendedor, desde a fase inicial da definición da idea innovadora ata empresas cun modelo de negocio definido e alto potencial de escalabilidade.

 

A BFAero, que xa ten confirmada tamén unha 5ª edición para 2023, propón na súa folla de ruta un importante impulso á internacionalización para converter este programa nun referente na Unión Europea en canto á promoción da innovación aberta e disruptiva no sector dos vehículos non tripulados. Ademais, avánzase cara á potenciación do ecosistema tecnolóxico buscando sinerxías en torno ao Polo Aeroespacial de Galicia e poñendo o foco na retención e captación do talento innovador do sector.

 

A iniciativa da Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia económica, enmárcase dentro da rede galega de aceleradoras sectoriais de innovación poñendo a disposición do talento os recursos necesarios para a súa potenciación. Ademais, a BFAero é un claro exemplo de programa aberto á colaboración de institucións, empresas ou entidades tractoras que teñan interese en participar, o que consolida excelentes resultados a través da fórmula de colaboración público-privada.

 

Dar continuidade aos casos de éxito da BFAero

A BFAero, en colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo permitiu, nas súas tres primeiras edicións, a participación de 19 empresas, a creación de 8 startups e un investimento de máis de 5 millóns de euros. A cuarta e a quinta convocatoria contan cun financiamento total previsto de 7,2M€ e márcase como obxectivo principal apoiar a un total de 25 empresas do sector para dar continuidade a unha iniciativa que xa ten identificados destacados casos de éxito tanto de empresas galegas como do panorama nacional, que conseguiron escalar o seu modelo de negocio, como Aeromedia, Uav Works ou Aerotools UAV, entre outros.

 

En canto ao itinerario de incubación, para un máximo de tres empresas nesta cuarta convocatoria, será de 12 meses de duración e está dirixido fundamentalmente a proxectos de emprendemento no sector aeroespacial (spinoffs, startups e spinouts).

 

Pola súa banda, o itinerario de aceleración será de 8 meses e está deseñado para cinco empresas que xa dispoñan dun produto mínimo viable. A gran novidade é o novo itinerario de consolidación de 4 meses para ata 3 empresas cunha antigüidade máxima de ata 7 anos con alta capacidade de crecemento internacional.

 

Os proxectos seleccionados nesta cuarta edición da BFAero disporán do apoio económico da Xunta e da integración no ecosistema do sector en Galicia. En concreto, no programa de incubación accederán a axudas por parte da Axencia Galega de Innovación (Gain) de ata 40.000 euros. En aceleración, poderán acceder a apoios de ata 60.000 euros de Gain e a préstamos participativos ou capital risco de ata 50.000 euros de XesGalicia; mentres que para consolidación serán 30.000 euros de axudas por parte de Axencia Galega de Innovación e ata 250.000 de financiamento de XesGalicia.

 

Todos os proxectos seleccionados nos tres itinerarios (incubación, aceleración e consolidación) beneficiaranse dun bono de 10.000 euros para empregar servizos e infraestruturas do Polo Aeroespacial de Galicia, nos que se inclúen horas de voo e apoio en certificacións do sector. Ademais, contarán cun completo programa de formación e con titores especializados no sector aeroespacial, así como co apoio de mentores de prestixio internacional que apoiarán a saída comercial a estes mercados.

 

Novos socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial

A BFAero é un exemplo da aposta que está facendo Galicia por impulsar o desenvolvemento de pequenas e medianas empresas vinculadas a esta industria. Do mesmo xeito, as pemes tamén se poderán beneficiar das novas oportunidades que se abrirán tras a chegada dos novos socios industriais da Xunta ao Polo Aeroespacial.

 

Neste sentido, un total de sete empresas veñen de pasar o primeiro corte de selección: Airbus, Babcock, Boeing, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telespazio e a UTE Aertec-Tecnobit. Superada esta fase, é o momento no que estas firmas acheguen a documentación que xustifique os seus compromisos económicos: trátase dunha etapa de peche financeiro na que teñen que certificar os seus compromisos adquiridos na mesa de contratación, podendo incluso comprometer máis fondos para a execución dos programas conxuntos e sempre manténdose aberta a porta á canalización de maior financiamento a través dos fondos europeos Next Generation.

 

A previsión é que a selección definitiva poida coñecerse dentro de dous meses, adxudicándose as propostas gañadoras no Consello da Xunta. Os futuros socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial de Galicia deberán executar os seus programas durante cinco anualidades (ata 2026).

 

Os novos acordos de asociación entre as empresas finalmente elixidas e a Xunta de Galicia serán investimentos conxuntos nos proxectos de I+D que conformen o programa, así como un conxunto de investimentos adicionais que poidan maximizar o valor destes programas para Galicia con actuacións dirixidas a fomentar o espírito emprendedor, as vocacións científicas e tecnolóxicas, o desenvolvemento de talento ou o crecemento das pemes do sector aeroespacial.