A Xunta alíase coa Universidade de Santiago e a Escola de Restauración de Bens para investigar as pinturas prehistóricas da Cova dos Mouros, en Baleira

Un convenio de colaboración permitirá cuantificar e documentar as pinturas rupestres que existen neste espazo considerado Ben de Interese Cultural
 

O traballo de campo desenvolveuse nas últimas semanas cun equipo multidisciplinar coordinado por Ramón Fábregas Valcarce, catedrático da USC, e dirixido por Fernando Carrera Ramírez, profesor da Escola Superior de Conservación de Pontevedra
 

A intervención funcionou como un curso práctico, xa que participaron cinco alumnos de dita escola e investigadores universitarios
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais veñen de unirse para investigar as pinturas prehistóricas da Cova dos Mouros, situada no concello lucense de Baleira. Trátase dunha actuación que se leva a cabo no marco do convenio de colaboración asinado entre as tres entidades para favorecer o coñecemento e protección deste espazo considerado Ben de Interese Cultural.

 

Así, a través deste acordo, nas últimas semanas púxose en marcha unha nova actuación coordinada por Ramón Fábregas Valcarce, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e dirixida por Fernando Carrera Ramírez, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que contou coa participación dun equipo multidisciplinar de especialistas como restauradores e arqueólogos.

 

O obxectivo da intervención que impulsa a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é cuantificar con precisión a totalidade das pinturas prehistóricas existentes na Cova dos Mouros e localizadas por primeira vez en xullo de 2017. Para iso, realizouse unha acción previa de limpeza que respecta a entidade actual da pintura prehistórica e que facilita o acceso ao abrigo.

 

A continuación iniciouse o traballo de documentación das pinturas caracterizando a súa composición e estabilidade e afondando no coñecemento da súa cronoloxía. Os traballos complétanse coa estimación das posibilidades de deterioro e coa proposta de accións de protección e conservación máis axeitadas.

 

Esta intervención funcionou como unha actividade práctica de docencia-aprendizaxe mediante a participación activa de profesorado e alumnado tanto da Universidade de Santiago de Compostela como da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia que ten a súa sede en Pontevedra. En concreto, integráronse no equipo cinco estudantes da escola e diversos investigadores universitarios.

 

Primeiros achados

Estes traballos dan continuidade aos realizados nos anos 2017 e 2018 que permitiron confirmar a existencia de ocupacións humanas prehistóricas neste abrigo e a localización dos primeiros restos de pinturas na Cova dos Mouros. A día de hoxe figuran xa localizados 11 paneis pictóricos compostos por semicírculos, barras verticais e algunha representación antropomorfa, realizadas, todas elas, con pigmento de cor vermello.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/08/2022