A presidenta de Portos de Galicia visitou o peirao cangués no que o ente autonómico vén de executar melloras para uso profesional e para a náutica de recreo

A Xunta levará a cabo a renovación integral do pavimento dos pantaláns pesqueiros de Cangas para mellorar a seguridade e a súa conservación

A Consellería do Mar destinará 86.000 euros a esta actuación que se atopa en fase de licitación, así como outros 72.000 euros para a dotación de 15 escaleiras de gato e defensas no peirao pesqueiro da localidade

Susana Lenguas comprobou tamén as obras realizadas polo seu departamento no porto cangués para a ampliación do cantil e a remodelación das prazas de atracada de náutica recreativa para adaptar as súas dimensións á demanda durante estes meses

Cangas (Pontevedra), 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, renovará integramente o pavimento dos pantaláns do sector profesional pesqueiro de Cangas, substituíndo a madeira actual por pavimento tecnolóxico. Deste xeito, mellóranse as condicións de tránsito ao reducir os riscos de escorregada ao tempo que se reducen os custos de mantemento e se prevé unha maior durabilidade. Así o trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita ao municipio pontevedrés.

 

A responsable autonómica explicou que esta actuación conta cun orzamento de máis de 86.000 euros e que, a día de hoxe, se atopa en procedemento de licitación nun contrato global por importe de 1,2 millóns de euros para diversas dársenas da provincia de Pontevedra co obxectivo de mellorar as condicións de traballo do sector profesional.

 

Así mesmo, a presidenta de Portos lembrou que Cangas está entre as dársenas beneficiarias doutros dous grandes plans de mellora globais que o ente público ten en marcha para todo o litoral galego: o de renovación de defensas e escalas e o de firmes esgotados. Deste xeito, nos vindeiros meses instalaranse 15 novas escaleiras de gato e defensas laterais no peirao pesqueiro de Cangas (na zona fronte aos departamentos), unha actuación orzamentada en 72.000 euros. Ademais, reforzaranse as marcas viarias na contorna do acceso á lonxa.

 

Durante a súa visita a Cangas, Susana Lenguas comprobou tamén as melloras acometidas polo seu departamento no porto local, tanto nas infraestruturas de uso profesional como nas instalacións de náutica recreativa.

 

Así, explicou que Portos de Galicia vén de rematar as obras de ampliación do cantil para o peirao de atracada a través do selado dunha escaleira no peirao pesqueiro. Ademais, durante o pasado inverno executouse a remodelación das prazas de atracada de náutica de recreo para adaptar as súas dimensións á demanda real de cara a estes meses de verán de maior afluencia deste tipo de turismo. Neste sentido, reconvertéronse prazas deseñadas inicialmente para esloras de 6 metros noutras de 12 e 10 metros, de xeito que o porto pode agora dar cabida a embarcacións de maiores dimensións que estaban a quedar fóra por falta de prazas axeitadas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/08/2022