O conselleiro do Medio Rural presidiu a presentación e despregamento da Operación Centinela Gallego

Un total de 30 patrullas do Exército súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes do lume

José González destacou que as Forzas Armadas se incorporan ao operativo, que se complementa con tecnoloxías como drons ou 148 cámaras fixas de última xeración sobre o terreo que mesmo poden identificar matrículas nas pistas

Agradeceu o labor dos efectivos contra o lume e aproveitou para apelar á prudencia e á colaboración cidadá, avisando de eventuais incendios chamando de balde ao 085 ou denunciando condutas sospeitosas no teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085
 

Compartir
  • whatsapp

 Pontevedra, 10 de agosto de 2022 Un total de 30 patrullas do Exército súmanse aos efectivos antiincendios da Xunta para reforzar a vixilancia, a disuasión e a identificación dos potenciais axentes dos lumes forestais. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que presidiu hoxe a presentación das tropas da Operación Centinela Gallego, no marco dun convenio entre o Goberno galego e o Ministerio de Defensa que supón un investimento de preto de 500.000 euros.

 

No acto, o conselleiro destacou que 30 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil se despregarán nos montes galegos no marco deste operativo, que se renova un ano máis. O obxectivo é que a presenza de medios militares contribúa a atallar eventuais lumes ou actividades incendiarias, ao supor un aumento do número de efectivos sobre o territorio, co consecuente reforzo da vixilancia e da disuasión.

 

Nesa liña, o titular de Medio Rural lembrou que os efectivos das Forzas Armadas se incorporan ao operativo co obxectivo -segundo dixo- de mellorar a seguridade das persoas e dos bens e, en xeral, a protección e defensa da riqueza forestal da nosa comunidade fronte á ameaza dos lumes. Dentro deses efectivos, contamos -tal e como lembrou- coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que -tras a súa creación o ano pasado- está a traballar arreo estes días, para esclarecer as circunstancias dos lumes rexistrados. 

 

No eido tecnolóxico, o dispositivo contra o lume conta con drons despregados polo territorio e este ano acádanse -ademais- as 148 cámaras de última xeración na rede de vixilancia fixa, provistas dunha tecnoloxía especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal que é capaz mesmo de identificar matrículas de vehículos nas pistas. 

Ademais de agradecer o labor de todos os efectivos contra o lume que operan baixo o mando único da Xunta, José González aproveitou para volver apelar á prudencia e á colaboración cidadá. Nesa dirección, lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal.

 

Así mesmo, segundo recalcou, está dispoñible o teléfono anónimo e gratuíto 900 815 085, para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento. Neste caso, o titular de Medio Rural apuntou que no mes de xullo se rexistraron arredor de 120 chamadas e que algunha delas está derivando en investigación.

 

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 10/08/2022