A Xunta apoia o XXII Encontro de Torneiros que se celebrará en Xermade no mes de setembro

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través de Artesanía de Galicia, colabora cada ano neste evento monográfico de divulgación do oficio tradicional do torneado da madeira, que é xa un referente do sector en Europa
 

No programa incluiranse demostracións de profesionais de recoñecido prestixio que achegan innovacións no oficio como é o caso dos franceses Patrick Arlot e Georges Baudot, do británico Paul Hannaby, e do torneiro galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018
 

Xermade (Lugo), 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación da XXII edición do Encontro Internacional de Torneiros de Madeira, un evento monográfico de divulgación do oficio tradicional do torneado da madeira que xa se está a converter nun referente en Europa. Como xa é habitual, a Xunta de Galicia colabora nesta iniciativa que se celebrará os días 16, 17 e 18 de setembro e que está organizada polo Concello de Xermade.

 

Durante tres días, Xermade volverase converter no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, así como nun espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados. Como cada ano, os torneiros convidados achegan diferentes innovacións ao oficio do torneado da madeira que enriquecen a experiencia dos participantes no Encontro.

 

Neste caso, Georges Baudot (Burdeos, Francia) amosará a técnica coa que crea as súas características figuras ovaladas, o torneiro británico Paul Hannaby (Gloucester), achegará coñecemento sobre a incorporación da cor para realzar as diferentes madeiras das pezas, mentres que o tamén francés Patrick Arlot (Chauvigny) amosará como emprega a fresadora para adornar as pezas torneadas.

 

O programa de demostracións do XXII Encontro Internacional de Madeira Torneada complétase co torneiro galego Lolo Castro (As Pontes), gañador do Premio Traxectoria 2018 nos Premios Artesanía de Galicia. Este profesional desenvolve un papel fundamental neste Encontro de Torneiros desde a súa primeira edición, así como na divulgación e na transmisión do oficio do torneado da madeira e no impulso ao relevo xeracional do sector.

 

A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais é un dos eixos do traballo da Xunta para impulsar e consolidar o sector artesán galego. A recuperación, o mantemento e a divulgación de profesións ancestrais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de posta en valor da nosa cultura, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/08/2022