A Xunta solicita a declaración da situación 2 para o distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro debido aos incendios rexistrados nos concellos do Irixo, Boborás e O Carballiño

Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade do lume a diversos núcleos de poboación na contorna destes incendios

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural vén de solicitar a declaración da Situación 2 na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro. Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade dos lumes rexistrados nos concellos do Irixo, de Boborás e do Carballiño a diversos núcleos de poboación na contorna destes incendios.

 

O lume do Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca iniciouse ás 12,30 h. deste mediodía e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 240 hectáreas. No lugar levan traballado ata agora un total de 4 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 7 avións e 11 helicópteros.

 

O lume de Boborás, parroquia de Astureses, comezou ás 17,30 h. e permanece tamén activo. No lugar están traballando 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba. O lume rexistrado no concello do Carballiño, parroquia de Longoseiros, iniciouse ás 15,51 h. desta tarde e permanece tamén activo arestora. No lugar están traballando 1 axente, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións. 

 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 10/08/2022