A Cidade da Cultura lanza ‘Olladas máxicas no Gaiás’, un campamento urbano para favorecer a conciliación das familias antes da volta ás aulas

Trátase dunha actividade pensada para fomentar os valores de solidariedade, igualdade e corresponsabilidade a través da arte, a maxia, a música e o deporte

Desenvólvese do 29 de agosto ao 9 de setembro, en dúas quendas, a primeira para nenas e nenos de 4 a 8 anos e a segunda de 9 a 14 anos

Esta iniciativa está incluída no ‘Plan Corresponsables’ da Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Cidade da Cultura pon en marcha este mes Olladas máxicas no Gaiás, unha nova actividade pensada para facilitar ás familias a conciliación nas semanas previas ao comezo do curso escolar, cando a oferta para nenas e nenos é máis reducida. Durante as mañás do 29 de agosto ao 9 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá este campamento urbano deseñado para que a rapazada poida explorar a arte, a música, a maxia e o deporte desde perspectivas que fomenten os valores de solidariedade e igualdade.

 

Con esta nova actividade, a Cidade da Cultura afonda na súa liña de programación familiar cunha proposta que atende as necesidades de conciliación de nais e pais de maneira transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

 

A iniciativa forma parte do Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta a través dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Promoción do Emprego e Igualdade para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica.  

 

Arte maxia e experimentación no Gaiás

Olladas máxicas no Gaiás inclúe un variado programa de actividades dirixidas a nenas e nenos entre os 4 e os 14 anos de idade. Haberá xincanas, obradoiros de creación de xogos e contos, de experimentación con cores, formas e volumes, rutas mitolóxicas e un espectáculo de maxia que realizarán as propias nenas e nenos coas técnicas de ilusionismo que aprenderán no campamento e coas que poderán logo fascinar na casa ás súas familias. Ademais, ao tempo que aprenden a investigar obras de arte, cancións e películas poderán descubrir as mulleres que foron e son referentes no campo artístico, deportivo ou científico, entre outros.

 

O campamento organízase en dúas quendas segundo tramos de idades: a primeira, do 29 de agosto ao 2 de setembro, será para pequenas e pequenos de 4 a 8 anos. Na segunda, do 5 ao 9 de setembro, poderá participar a rapazada de 9 a 14 anos. As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as oito da mañá.

 

As prazas para Olladas máxicas no Gaiás pódense reservar a través de Ataquilla, a un prezo de 15 euros por persoa.

 

Plan Corresponsables Galicia

En total, ao abeiro do Plan Corresponsables promovido pola Xunta desenvolveranse preto de 40 accións con máis de 1.300 prazas ata o mes de decembro. O programa inclúe campamentos e obradoiros relacionados co ámbito cultural, actividades de animación á lectura e de reforzo educativo, entre outras, todas elas prestadas por persoal cualificado.

 

Ademais das actividades programadas na Cidade da Cultura, o plan estende o seu ámbito de actuación ás bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Juan Compañel de Vigo e Ánxel Casal de Santiago de Compostela; os arquivos do Reino de Galicia na Coruña, Histórico Provincial de Ourense e Histórico Provincial de Pontevedra, e os museos do Castro de Viladonga, de Belas Artes da Coruña e Etnolóxico de Ribadavia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2022