Diego Calvo pon en valor o compromiso da Xunta co fomento do deporte do motor mediante a colaboración en eventos como o rally de Ferrol

O vicepresidente segundo da Xunta participou esta mañá na presentación da 53ª edición da competición organizada pola Escudaría Automobilística Ferrol que se celebrará o venres e o sábado da próxima semana

Destacou que esta proba de relevancia nacional sitúa a comarca ferrolá como destino idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel

Ferrol, 11 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, na presentación do Rally de Ferrol, a cuarta proba da Copa de España de Rallys de Asfalto (CERA) que celebrará o venres 19 de agosto e o sábado 20 a súa 53ª edición.

 

Esta proba consolidada a nivel nacional e organizada pola Escudaría Automobilística Ferrol conta cunha distancia total de 378 quilómetros, dos que 117 corresponden a tramos cronometrados. Neste percorrido, os pilotos participantes terán que demostrar a súa destreza atravesando as paisaxes e lugares emblemáticos dos concellos de Ferrol, Monfero, Irixoa, As Somozas e San Sadurniño. Entre os pilotos participantes estarán Iván Ares -que gañou a edición do ano pasado e as de 2017 e 2015- e Javier Pardo Siota, ambos presentes no acto de hoxe.

 

A Xunta colabora na organización deste evento tendo en conta que, como sinalou o vicepresidente segundo, Galicia ten un peso relevante no automobilismo español con varias probas como este rally de Ferrol no calendario da Real Federación Española de Automobilismo. Por iso, o Goberno galego mantén o seu compromiso con esta competición, así como no fomento do deporte de motor en xeral a través de distintas liñas de axudas. 

 

O Goberno galego incide na capacidade da carreira para axudar a transmitir os valores do deporte do motor e, ao mesmo tempo, situar Ferrol como destino idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel que contribúen á dinamización económica nas zonas que se celebran. Ademais, o rally de Ferrol constitúe un escaparate perfecto para a promoción turística da comarca ferrolá e, en xeral, de Galicia como destino turístico.

 

Nesta liña, Diego Calvo apuntou que o rally de Ferrol “sempre foi moi valorado e nesta edición contribuirá a incrementar aínda máis a afección ao mundo do motor na cidade e na comarca ferrolá”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/08/2022