A Xunta convoca as axudas para aqueles propietarios con cultivos danados polas medidas fitosanitarias dos organismos de corentena


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural coa convocatoria e as bases destas achegas, que contan cun orzamento inicial de 75.000 euros e que poderán solicitarse nun prazo de tres meses a contar desde mañá

Poden beneficiarse as persoas físicas e xurídicas, así coma as entidades sen personalidade xurídica, con produtos vexetais afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas pola autoridade competente para resolver unha praga
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022 A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, indemnizará economicamente a aqueles propietarios cuxos cultivos foron danados polas medidas fitosanitarias adoptadas sobre os vexetais afectados polos organismos de corentena. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación da correspondente orde coas bases e a convocatoria, que conta cun orzamento inicial de 75.000 euros que poderá ser incrementado -se fose necesario- coa xeración, ampliación ou incorporación de créditos, así como fondos adicionais e outros remanentes presupostarios.

 

Así, poderán ser beneficiarias destas indemnizacións as persoas, tanto físicas como xurídicas, e as entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais se vexan afectados polas medidas fitosanitarias adoptadas debido á declaración de praga por parte da autoridade competente. Así mesmo, tamén poderán optar a estas indemnizacións as pemes agrarias, en base ao recollido nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal para o período 2014-2020, así como no regulamento europeo.

 

Deste xeito, serán obxecto de indemnización os organismos de corentena recollidos previamente para cada convocatoria pola Consellería do Medio Rural, podendo ser modificada a listaxe en base a unha modificación normativa ou á aparición ou desaparición de novas pragas de corentena.

 

En concreto, cubriranse mediante importes de ata 10.000 euros gastos relativos a inspeccións ou probas efectuadas oficialmente ou por mor dunha petición oficial para a verificación da contaminación por parte do organismo nocivo, así como gastos causados por tratamentos aplicados aos vexetais, produtos vexetais e outros obxectos constitutivos de lote ou lotes que fosen orixinarios da introdución, se se viron contaminados ou estiveron cerca do organismo nocivo. Tamén serían obxecto de subvención os substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados ou en perigo de contaminación ou os medios de transporte, materiais e locais de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento en contacto cos vexetais, produtos vexetais e demais obxectos mencionados.

 

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía telemática, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Esta vía será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas físicas que sexan traballadoras autónomas e as persoas que representen a calquera das anteriores. Ademais da propia solicitude, deberase entregar documentación complementaria en determinados casos recollidos na orde. O prazo para a súa presentación será de tres meses contados a partir do día de mañá.

 

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220812/AnuncioG0426-260722-0006_gl.html

Data de actualización: 12/08/2022