A Xunta adxudica as obras para o acondicionamento da drenaxe transversal na estrada PO-308, no concello de Sanxenxo

As obras iniciaranse previsiblemente nas vindeiras semanas e suporán un investimento autonómico de máis de 45.000 euros
 

Trátase dunha actuación de mellora da drenaxe superficial da marxe dereita da estrada PO-308, na zona de Areas, entre os puntos quilométricos 14+200 e 14+250
 

Executarase unha canalización soterrada para as augas pluviais de escorrenta da calzada, con tubo de PVC de diámetro 315 mm
 

Sobre a canalización habilitarase unha superficie transitable para o paso dos peóns, cun pavimento de formigón
 

Nos entroncamentos entre os pasos salvacunetas e a cuneta pisable instalaranse sumidoiros e arquetas de conexión que leven as augas superficiais á canalización subterránea
 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica e reforzando a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para o acondicionamento da drenaxe transversal na estrada PO-308, no concello de Sanxenxo.

 

O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Rafer S. L., por un importe de 45.390,48€. As obras iniciaranse nas vindeiras semanas.

 

Trátase dunha actuación de mellora da drenaxe superficial da marxe dereita da estrada PO-308, na zona de Areas, entre os puntos quilométricos 14+200 e 14+250.

 

Este ámbito é semiurbano e conta con numerosos accesos a vivendas adxacentes á estrada. Onde non existe acceso, a drenaxe está constituída por unha cuneta en terras pola que non é posible o tránsito de peóns.

 

Precisamente, esta actuación ten o obxectivo adicional de permitir un tránsito peonil seguro.

 

Executarase unha canalización soterrada para as augas pluviais de escorrenta da calzada, con tubo de PVC de diámetro 315 mm que vaia unindo os pasos salvacunetas existentes nos accesos, e que conducirá a auga ata unha taxea situada á altura do punto quilométrico 14+390. Para iso, instalarase unha canalización subterránea unindo todos os pasos.

 

Sobre a canalización habilitarase unha superficie transitable para o paso dos peóns, cun pavimento de formigón e coa mesma pendente transversal suave que o firme da estrada para facilitar a circulación de persoas.

 

No tramo máis próximo a Sanxenxo será necesario derruír e reconstruír 3 pasos salvacunetas para adaptalos á pendente da cuneta.

 

Nos entroncamentos entre os pasos salvacunetas e a cuneta pisable instalaranse sumidoiros e arquetas de conexión que leven as augas superficiais á canalización subterránea.

 

Para evitar que o aparcamento de vehículos invada a zona de tránsito peonil, cada dous metros e medio instalaranse balizas de polietileno.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica e reforzando a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/08/2022