A banda de Sabina Benditos Malditos recala en Galicia con tres concertos ao abeiro do Xacobeo 21-22

Os músicos que acompañan dende hai máis de 25 anos a Joaquín Sabina nas súas xiras e na gravación dos seus discos tocarán o 19 de agosto en Lugo, o 24 en Sanxenxo e o 25 en Santiago de Compostela co patrocinio da Xunta

O lucense Carlos García-Boente, vocalista do grupo tributo La Penúltima Sabinera, tamén participará nestes espectáculos musicais arredor do amplo repertorio do cantautor xienense
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022 Benditos Malditos, a banda que acompaña a Joaquín Sabina nos seus concertos e gravacións desde hai máis de 25 anos, fará soar en Galicia os clásicos do cantautor xienense cun orixinal espectáculo que poderá verse o 19 de agosto en Lugo, o 24 en Sanxenxo e o 25 en Santiago de Compostela. A Xunta patrocina estes tres concertos, ao abeiro da programación cultural do Xacobeo 21-22, nos que o grupo estará acompañado por Carlos García-Boente, vocalista de La Penúltima Sabinera, formación de tributo ao compositor de temas tan coñecidos como 19 días y 500 noches ou Y sin embargo.

 

A praza lucense de Santa María acollerá o vindeiro venres 19 a primeira das citas co público galego de Benditos Malditos-La Banda Sabinera. A segunda terá lugar na praza dos Barcos de Sanxenxo o mércores 24, mentres que o xoves 25 actuarán no escenario do Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22, no Monte do Gozo de Santiago. As tres actuacións, que darán comezo ás 22,00 h., son de entrada gratuíta e acceso libre até completar capacidades.

 

Novo nome, anos de traxectoria

Benditos Malditos é o nome escollido polos músicos que adoitan acompañar a Joaquín Sabina tanto nas súas xiras coma na produción dos seus discos. O grupo formouse baixo esta nova denominación o ano pasado, mais é o herdeiro natural de La Noche Sabinera, un proxecto anterior que abranguía varios dos seus integrantes e que espallou durante máis dunha década en concertos de pequeno formato as cancións do cantautor nacido en Úbeda. La Noche Sabinera non era unha banda tributo como tampouco o é agora Benditos Malditos, senón a fórmula musical para crear un espectáculo baseado no repertorio e seguir conectando co público entre xira e xira de Sabina.

 

Antonio García de Diego, compositor que xunto ao propio Sabina e Pancho Varona asina un gran número dos seus grandes clásicos, capitanea esta formación á beira do tamén compositor Jaime Asúa. Ambos os músicos contan no escenario coa participación de Paco Beneyto e Mara Barros, corista de Sabina dende 2009. A estes nomes súmaselles o da baixista Laura Gómez Palma, quen subiu á troupe do célebre cantautor dende o disco Lo niego todo, o seu último traballo ata a data.

 

Ademais, neste trío de concertos galegos alíanse co lucense Carlos García-Boente, vocalista de La Penúltima Sabinera, a coñecida banda tributo a Sabina. Ábrese así a porta a este músico para interpretar algunhas cancións cos colaboradores habituais do famoso cantautor que, malia manterse temporalmente afastado dos escenarios, anunciou novo disco e xira para o ano que vén, precisamente tras a súa aparición sorpresa o pasado mes de abril no escenario da madrileña sala Galileo Galilei durante a actuación de Benditos Malditos.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/08/2022