Fernández-Tapias anuncia o reparto de preto de 741.000 € en axudas a 56 entidades da área de Vigo beneficiarias do Plan Específico de acción comunitaria

A delegada territorial da Xunta visitou a Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios de Beade que prevé, no marco desta orde, a instalación no centro dunha plataforma elevadora e a renovación de equipamento nas aulas do edificio
 

Destacou a decidida aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír a unha maior dinamización do movemento veciñal

Vigo, 12 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da resolución da convocatoria de axudas para este ano do Plan Específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais, que repartirá preto de 741.000 euros entre 56 entidades beneficiarias da área viguesa.

 

No que atinxe á cidade de Vigo, as achegas do Goberno galego no marco desta orde supoñen un investimento de 240.000 euros, que se distribuirán entre 12 asociacións veciñais e 5 comunidades de usuarios de augas.

 

Así o detallou a representante galega con motivo dunha visita á Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios de Beade que, ao abeiro destas axudas, prevé a instalación no centro dunha plataforma elevadora e a renovación dos equipamentos nas aulas do edificio nas que se levan a cabo parte das actividades. A achega autonómica neste caso é de 15.000 euros.

 

Tras destacar a decidida aposta do Goberno galego por mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír a unha maior dinamización do movemento veciñal, Fernández-Tapias recordou que as asociacións beneficiarias poden realizar, a través destas subvencións, obras de rehabilitación e acondicionamento dos seus locais e adquirir novos equipamentos para levar a cabo as súas actividades e prestación de servizos aos veciños. O reparto do orzamento no caso da área viguesa destina 649.000 euros a obras e 92.300 euros a equipamentos.

 

“Mediante as axudas deste plan de actuacións contribuímos –dixo- a satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza con medidas que redundan na mellora do benestar dos cidadáns e na calidade de vida local”.

 

Segundo apuntou, as achegas supoñen no caso da área territorial de Vigo un incremento do 19% respecto a 2021, ano no que resultaron beneficiarias 43 asociacións de veciños e comunidades de augas cun importe de 600.000 euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2022