Esta mañá, acompañado a directora asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e dos alcaldes

O delegado territorial da Xunta supervisa as obras que se realizaron nos centros de saúde de Amoeiro e Vilardevós

Gabriel Alén explicou que as obras de Amoeiro consistiron na rehabilitación da súa cuberta a través dun convenio entre Xunta e Concello que foi asinado o pasado ano cun importe de preto de 14.700 euros
 

No centro de saúde de Vilardevós as actuacións consistiron na dotación dun sistema de produción de frío que foi executado por 10.656 euros a través dun convenio entre ámbalas administracións
 

A través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nos últimos anos en Ourense centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle
 

Durante o ano 2021, o Executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Vilardevós, Beariz, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño e este ano asinou xa outro para o centro de saúde de Vilar de Barrio

Ourense, 12 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a directora asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Mar Vázquez, acompañados do alcalde, José Luis González, visitaron as obras que se realizaron no centro de saúde de Amoeiro para rehabilitar a súa cuberta a través dun convenio entre Xunta e Concello que foi asinado o pasado ano cun importe de preto de 14.700 euros.

 

O orzamento foi financiado a partes iguais por ambas administración ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. O Concello foi o encargado de levar a cabo a redacción dos documentos técnicos necesarios para a contratación e a execución das obras.

 

O centro de saúde de Amoeiro xa fora obxecto de reformas en colaboración coa Xunta de Galicia en 2017 por valor de máis de 10.000 euros, naquel entón para arranxar o sistema da auga quente e fría.

 

Ademais, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 permitiu dotar nestes últimos anos a este centro dunha nova praza de enfermaría e de diverso equipamento: un espirómetro, un electrocardiógrafo e un hólter de presión arterial.

 

Visita ao centro de saúde de Vilardevós

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou tamén esta mañá, acompañado do alcalde, Manuel Cardoso, as obras que se realizaron no centro de saúde de Vilardevós para dotalo dun sistema de produción de frío a través dun convenio entre Xunta e Concello que foi asinado o pasado agosto para permitir que este verán o centro contase xa con este novo sistema.

 

O orzamento executado foi de 10.656 euros e financiado a partes iguais por ambas administración ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. O Concello foi o encargado de levar a cabo as actuaciones a redacción dos documentos técnicos necesarios para a contratación e a execución das mesmas.

 

Alén lembrou que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 permitiu dotar a este centro nos últimos anos de diverso equipamento: un espirómetro, un electrocardiógrafo e un hólter de presión arterial.

 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 101 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Ribadavia e Porriño) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

Concretamente nesta provincia foron construídos 11 centros de saúde nos concellos de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamartín, A Peroxa (Os Peares), Ourense (O Couto) Pontedeva, Barbadás, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allaríz. Tamén foi reformado o centro de saúde de Carballeda de Avia.

 

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta achega fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este.

 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nos últimos anos en Ourense centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o Executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Vilardevós, Beariz, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño e este ano asinou xa outro para o centro de saúde de Vilar de Barrio.

 

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

 

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Ourense ascendeu a 2,6 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Amoeiro recibe 10.181 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 12/08/2022