A Xunta impulsa a divulgación da olería tradicional no VIII Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

A xerente de Artesanía de Galicia participou na inauguración da oitava edición deste evento que se celebra no Museo de Olería de Niñodaguia ata o domingo
 

No programa de actividades inclúense demostracións de olería, charlas e venda de produtos de oito profesionais da Artesanía de Galicia e un de Portugal, así como actuacións musicais mañá sábado
 

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 12 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do VIII Encontro de Cacharreiros, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) ata o domingo 14.  Trátase dun evento centrado na divulgación do oficio tradicional da olería –especialmente a de Niñodaguia– que a Xunta impulsa desde a súa creación no ano 2014. Entre os participantes desta oitava edición atópanse oito profesionais de Artesanía de Galicia (seis especializados na olería e na cerámica, un cesteiro e un torneiro de madeira) e un de Portugal. O Encontro celébrase en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

 

Niñodaguia é un dos centros de olería tradicional activos en Galicia, característico pola cor amarela que lle imprimen ás pezas o barro local. Como xa é habitual, no Encontro participan os oleiros de Niñodaguia Agustín Vázquez e Enrique Cabanas, aos que este ano se suman os ceramistas Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén), Carlos San Claudio (Vigo), Antón Román (Gondomar) e Susana González (A Coruña), o cesteiro Carliños Cesteiro (Oia), o torneiro Adrián Pena do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e mais o artesán Carlos Lima (Tondela, Portugal), que participa como representante da olería portuguesa.

 

O Encontro de Cacharreiros está enfocado a impulsar a conservación e a posta en valor da olería tradicional galega, así como achegarlle á sociedade o oficio e os diferentes tipos de olería que se fan en Galicia. O programa de actividades inclúe demostracións destes profesionais da olería, visitas guiadas ao Museo da Olería, así como as actuacións musicais de Emilio Rúa e das Cantareiras de Niñodaguia, o sábado 13 a partir das 21:30h con entrada libre. Os visitantes poderanse poñer na pel dos cacharreiros experimentando co torno no mesmo horario do Encontro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2022