A conselleira do Mar visitou a patrulleira `Punta da Guía´ e fixo balance do labor de control desenvolvido polos gardacostas entre xaneiro e xuño de 2022

O labor dos gardacostas no primeiro semestre do ano reafirma o esforzo de Galicia a prol dunha xestión máis responsable dos recursos mariños ao constatar menos infraccións a pesar do aumento dos controis

Rosa Quintana destacou que esta tendencia demostra que Galicia conta cun Servizo de Gardacostas que contribúe a un control eficaz da actividade marítimo-pesqueira e cun mar máis sostible grazas a un sector cada vez máis comprometido

Nos primeiros seis meses deste 2022 os gardacostas superaron as 5.500 inspeccións, un 2% máis que no mesmo período de 2021, e levantaron máis de 1.400 actas de presunta infracción, un 46% menos que entre xaneiro e xuño do ano pasado

Neste semestre os axentes requisaron máis de 12.600 útiles e de 11.000 quilos de distintas especies de peixe e marisco

A Xunta busca con este labor e con accións de sensibilización como a campaña Do mar, vívese que só cheguen á cidadanía os produtos procedentes das canles legais e evitar o dano que provoca a actividade irregular aos profesionais do sector

A zona de Vigo-A Guarda é a que contou con máis inspeccións nos primeiros seis meses do ano e, ao igual que o conxunto de Galicia, rexistrou máis controis e menos infraccións
 

Compartir
  • whatsapp

 Vigo, 12 de agosto de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o esforzo do Servizo de Gardacostas de Galicia e do sector marítimo-pesqueiro a prol dunha xestión máis responsable dos recursos mariños e dun mar máis sustentable. Un labor, sinalou, que se reflicte nos resultados dos controis realizados polos gardacostas entre xaneiro e xuño deste ano, que se traduce nun lixeiro incremento das inspeccións e nunha redución das infraccións en relación ao mesmo período de 2021.

Así o expuxo a titular de Mar antes de embarcar na patrulleira Punta da Guía, que ten base en Vigo, e onde estivo acompañada polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Alí detallou que nos seis primeiros meses de 2022 os axentes de gardacostas realizaron máis de 5.500 inspeccións, un 2% máis que no primeiro semestre de 2021. Nos controis realizados entre xaneiro e xuño deste ano os axentes levantaron máis de 1.400 actas de presunta infracción, o que supón un 46% menos que no mesmo período de 2021.

Esta tendencia de máis inspeccións e menos infraccións demostra que Galicia conta cun Servizo de Gardacostas implicado e que contribúe a un control eficaz da actividade marítimo-pesqueira e cun mar máis sostible grazas a un sector cada vez máis comprometido, subliñou a titular de Mar. Nesta liña lembrou que este servizo sitúa a Galicia como a única comunidade de España con servizo de gardacostas propio.

As inspeccións realizadas nos primeiros seis meses deste saldáronse coa incautación de máis de 12.600 útiles, un 35% máis que no mesmo período do 2021. Isto amosa, expuxo Rosa Quintana, a efectividade do labor para evitar a reincidencia dos furtivos mediante a retirada dos aparellos e útiles que empregan para extraer os recursos.

Ademais nestes controis os gardacostas requisaron máis de 11.000 quilos de distintas especies de peixe e marisco, un 46% menos que no primeiro semestre do ano pasado. Trátase dunhas cifras, expuxo a conselleira, que reafirman o bo resultado obtido coa posta en marcha da estratexia de adaptar os controis ás zonas, épocas e especies de máis relevancia ao longo do ano.

Neste sentido, salientou que con este labor de vixilancia a Xunta busca que só cheguen á cidadanía os produtos procedentes das canles legais e evitar o dano que provoca a actividade irregular aos profesionais do sector dada a importancia socioeconómica da pesca e do marisqueo en Galicia.

Un cometido, subliñou a titular de Mar, ao que tamén contribúe o plan de renovación parcial da frota de Gardacostas, que acumula máis de 12 millóns de euros de investimento e do que forma parte a patrulleira Punta da Guía que ten base aquí en Vigo. A isto engádense as accións de sensibilización como a campaña Do mar, vívese coa que concienciamos nos areais sobre a necesidade de respectar o labor do sector marisqueiro e que estará presente en 50 praias ata comezos de outubro.

Zona de Vigo-A Guarda

En canto á area de Vigo-A Guarda, que é a zona de traballo da patrulleira Punta da Guía, Rosa Quintana destacou que é a que rexistrou máis inspeccións nos primeiros seis meses do ano. Nela os axentes do Servizo de Gardacostas realizaron máis de 1.060 inspeccións que derivaron en 170 actas de presunta infracción. Esta zona reflicte a mesma tendencia que o conxunto de Galicia de máis inspeccións, cun 6% máis de controis que no primeiro semestre de 2021, e menos infraccións pois reducíronse nun 37%. As inspeccións realizadas polos gardacostas entre xaneiro e xuño de 2022 nesta zona saldáronse coa incautación de máis de 4.900 útiles e co comiso de máis de 1.870 quilos de distintas especies de peixe e marisco.

A Punta da Guía ten base en Vigo, conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0,9 metros. Ademais entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima. Esta embarcación realiza tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colabora en operacións de busca e salvamento e participa en actividades de loita contra a contaminación mariña.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/08/2022