Román Rodríguez gaba o traballo da Fundación Manolo Paz a prol da cultura coa homenaxe á cantante Luz Casal

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na VII Xornada que cada ano organiza a entidade con actividades que aglutinan arte e natureza

Cambados (Pontevedra), 12 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta o labor da Fundación Manolo Paz, impulsada polo escultor cambadés, a prol da cultura e da arte galega en todas as súas manifestacións.

 

Así o manifestou hoxe con motivo da súa participación nas VII Xornadas da Fundación Manolo Paz, unha cita consolidada na que todos os anos por estas datas, desde o espazo creativo e expositivo do artista no lugar de Quintáns, impúlsanse actividades que aglutinan coñecemento, arte, natureza, así como a posta en valor do legado doutros creadores, como é o caso de Luz Casal, a artista homenaxeada nesta edición.

 

Román Rodríguez gabou “o entendemento” de Manolo Paz “coa cultura autóctona e coa identidade galega”, tal e como se manifesta nas súas obras escultóricas a través dos materiais empregados coma a pedra e o granito, e nos seus significados “en diálogo constante co lugar no que van habitar”.  

 

Así mesmo fixo un paralelismo co “sentimento de galeguidade universal” que representa Luz Casal a través das súas interpretacións e da súa calidade vocal que fan dela unha artista internacionalmente recoñecida. “Por iso, que sexa Luz Casal quen reciba este premio hoxe supón todo un acto de xustiza poética”, abondou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2022