A Xunta porá en marcha a ‘Academia Makers’ para impulsar a creación de máis de 30 novas empresas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

O obxectivo principal é crear unha rede de emprendemento para aumentar a competitividade do tecido emprendedor da Eurorrexión, seguindo a filosofía maker
 

A iniciativa arranca o 30 de agosto na localidade ourensá de Verín e continuará en setembro nas de Vilanova de Arousa, Silleda e Coristanco
 

Trátase dunha cooperación entre Galicia e Portugal, que está dirixida especialmente á mocidade emprendedora para asesorala nas habilidades técnicas e de xestión empresarial
 

A Xunta busca con esta actuación promover o movemento maker como unha fórmula máis para emprender, para crear empresas, e, polo tanto, para xerar máis emprego en Galicia

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta, no marco do proxecto Emprende-Makers, de impulso á formación e capacitación para a creación de empresas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e, seguindo a filosofía maker, porá en marcha a Academia Emprende-Makers, que arrancará o próximo 30 de agosto no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Ourense Centro e Sur, en Verín, e continuará en setembro en Vilanova de Arousa, Silleda e Coristanco.

 

A Academia Makers ofrecerá ás persoas con interese en emprender dúas actividades: accións formativas sobre competencias básicas para o emprendemento; e os modelos de innovación de emprendemento para makers. Así, os emprendedores potenciais dentro da comunidade maker adquirirán coñecementos sobre ferramentas de xestión e competencias sobre temas específicos de innovación para aumentar as súas probabilidades de éxito na súa inserción empresarial como emprendedores.

 

O programa sempre segue a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía. Coa iniciativa búscase potenciar a transferencia de coñecementos, especializacións e procedementos para dar lugar a sinerxías que favorezan a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade. Coa actuación agárdase asesorar a máis de 60 proxectos que dean orixe a unhas 30 empresas, 20 delas en Galicia.

 

A través deste programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal (Interreg V - A Poctep) potenciarase o modelo de emprendemento maker con accións de acompañamento e mentorización a cargo de expertos con experiencia, con xornadas sobre o acceso ao financiamento e aos mercados exteriores, e tamén co asesoramento xurídico aos makers para facilitar o seu acceso aos diferentes recursos de aceleración empresarial promovidos pola Xunta. Deste xeito, a Administración autonómica pretende mobilizar recursos para guiar a estes futuros emprendedores a acadar os seus obxectivos.

 

Os cursos de emprendemento da Academia Makers terán lugar en Verín do 30 de agosto ao 22 de setembro; en Vilanova de Arousa, do 13 de setembro ao 6 de outubro; en Silleda, do 5 ao 28 de setembro; e en Coristanco do 12 de setembro ao 5 de outubro. Para tomar parte do primeiro dos cursos que arrancará o 30 de agosto en Verín é preciso cumprimentar un formulario electrónico ao que se accede a través da dirección https://bit.ly/MAKERSVERIN.

 

O programa Emprende-Makers, que deu comezo en xullo de 2020, xa obtivo os seus primeiros resultados. En setembro de 2021 creouse o Catálogo dos centros e dos recursos maker da Eurorrexión, tanto en versión física como en dixital, para recoller todos aqueles espazos e ferramentas innovadoras e creativas existentes no territorio.

 

Tras máis de dous anos de proxecto, o programa Emprende-Makers supón o inicio e impulso da Xunta cara o movemento maker, como unha fórmula máis para emprender, para crear empresas, e, polo tanto, para xerar máis emprego en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/08/2022