A Xunta licita as obras de mellora do bordo da praia do Cruceiro, en Porto do Son

Compartir
  • whatsapp

 Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022  A Xunta de Galicia  vén de licitar as obras de mellora do bordo da praia do Cruceiro, en Porto do Son, co obxectivo de inicialas despois do verán, co fin de non crear molestias aos usuarios do areal durante a tempada estival.

 

O importe do proxecto ascende a preto de 263.000 euros, dos cales case 184.000 euros —o 70%— serán aportados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a contía restante será achegada polo Concello, tal e como se expón no convenio asinado entre ambas partes e tamén Portos de Galicia.

 

Os traballos consistirán na demolición de muros de formigón, asfalto e bordos actuais, e tamén se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos das pasarela que se instalará. Os pavimentos reporanse con lousas de granito e as pasarelas remataranse en madeira de pino. Así mesmo, a actuación recolle a instalación de abastecemento e saneamento para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, e de alumeando e de balizas.

 

Esta iniciativa é acorde ao plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego, para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

Data de actualización: 14/08/2022