A Xunta licita as obras para mellorar espazos públicos nos concellos de Bande e Os Blancos, cun investimento total de máis de 200.000 €

No caso de Bande, a intervención consistirá na reforma da praza, da zona do mercado e da biblioteca

No Concello dos Blancos acondicionaranse as beirarrúas da vía principal do núcleo e conectaranse as baixantes á rede de recollida de pluviais

Ambos proxectos enmárcanse no plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar actuacións destinadas a crear, mellorar e integrar coa contorna espazos de uso público e equipamentos urbanos
 

Compartir
  • whatsapp

 

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2022 A Xunta vén de licitar obras para nos concellos ourensáns de Bande e dos Blancos para a execución de cadanseu proxecto urbanístico destinado á mellora e humanización de espazos públicos. O investimento total previsto entre ambas actuacións ascende a máis de 200.000 euros.

 

En concreto, no Concello de Bande acometerase a reforma da praza da Constitución, da zona do mercado e da biblioteca do concello, actuacións que requirirán dun investimento estimado de máis de 120.000 euros a cofinanciar entre ambas administracións —a achega da Xunta será dun 70% e a do Goberno local, dun 30%—.

 

Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, recuperarán este espazo público, un lugar concibido para o esparexemento e o lecer e con vistas privilexiadas ao Xurés, a través dunha mellora urbanística que incida, sobre todo, na continuidade do conxunto.

 

Para iso, o proxecto centrarase en resolver a accesibilidade dos distintos niveis existentes, lonxitudinal e transversalmente. As obras incluirán o derrubamento e levantado do terrazo e dos chanzos de unión, obras de saneamento e drenaxe, renovación do pavimento con terrazo sobre soleira de formigón, lastro nas zonas de pendente que envolven a biblioteca, lousa na fonte e cantaría en chanzos e bordos.

 

Tamén se mellorará o mobiliario, coa colocación de bancos de madeira e de formigón nos ámbitos da biblioteca e da nova balconada, resultado da valorización do muro de cantería para que sirva de transición entre os distintos niveis e potencie as vistas.

 
Intervención nos Blancos

En canto á intervención nos Blancos, terá un custo estimado de máis de 80.000 euros que achegará tamén nun 70% a Xunta e nun 30% o Concello. A finalidade é acondicionar e mellorar as beirarrúas no viario principal do núcleo dos Blancos, xa que nestes momentos presentan un estado moi deficiente e desniveis que provocan que a auga se estanque e non evacúe de forma correcta. O obxectivo da actuación, cun prazo estimado de 5 meses, é mellorar a accesibilidade dos viandantes e renovar o aspecto da zona.

 

As obras previstas consistirán na demolición e retirada das lousas da beirarrúa —moitas das cales están soltas e rotas polas filtracións— e no levantado do bordo actual para, a continuación, volver pavimentar, colocar lousas de formigón hidráulico e novos bordos de granito. Ademais e co fin de resolver o problema que supón que as baixantes das cubertas evacúen directamente nas beirarrúas, acometerase a súa conexión coa rede de pluviais que vai pola marxe da vía a través dunha tubaxe de PVC.

 

Ambos acordos de cooperación enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante convenios nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

Data de actualización: 16/08/2022