A Xunta apoia o Torneo Internacional Michel Salgado en Vigo, que aspira a converterse na mellor competición de fútbol base de España

A Madroa e o campo José Costas de Vigo acollerán a competición que terá lugar entre o 19 e o 28 de agosto con presencia de equipos de todo o mundo

Vigo, 12 de agosto de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiron este venres á presentación da MS2 Cup Torneo Internacional Michel Salgado, na sede do RC Celta de Vigo, que na súa terceira edición aspira aspira a converterse no mellor torneo internacional de España e un referente a nivel mundial. Nesta ocasión, o torneo disputarase nas instalacións deportivas de A Madroa e o campo José Costas de Candeán (Vigo).

Lete Lasa agradeceu ao exfutbolista Michel Salgado, natural do concello de As Neves, a súa aposta por Galicia para acoller o torneo e a posibilidade de que clubs máis modestos poidan participar para medirse ás grandes canteiras internacionais. Nas súas verbas, “Michel Salgado mantén vivo o soño de triunfar no fútbol na mente dos pequenos”.

O mandatario galego destacou a firme aposta da Xunta de Galicia por unha competición deste calibre, que ten unha gran importancia para o fútbol galego, posto que lle permite dar un salto de calidade ao mesmo tempo que dá visibilidade ás futuras promesas do deporte nacional e internacional.

Pola súa banda, Marta Fernández-Tapias sinalou a importancia de que Vigo acolla eventos tan importantes como o Torneo Internacional Michel Salgado “polo que significa para a cidade, polo que supón para o fomento do deporte base e polos valores que representa de compañeirismo, esforzo, traballo, respecto e superación”. Ingredientes, todos eles, imprescindibles para que o torneo vigués se converta “nun referente mundial do fútbol base”.

O III Torneo Internacional Michel Salgado dará comezo o 19 de agosto e prolongarase ata o día 28 do mesmo mes. Contará con equipos de diferentes categorías de España e estranxeiros, dende prebenxamín, benxamín e alevín, que xogarán na modalidade de fútbol 8, coma infantil, cadete e xuvenil, que xogarán na modalidade de fútbol 11. Os partidos serán retransmitidos gratuitamente a través da plataforma “Veo Live”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2022