A Xunta alleará 30 lotes por case 1,1 millóns de euros nunha nova poxa pública electrónica de madeira en Ourense

Cómpre destacar que 14 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 10 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial

A plataforma telemática a través da que se realiza a poxa enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente
 

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense. En concreto, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicaranse 30 lotes de madeira por un importe de preto de 1,1 millóns de euros nunha próxima poxa pública electrónica.

Todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería. Un total de 24 deles establécense como a risco e ventura, sumando 36.231 metros cúbicos de madeira; mentres a outra media ducia son a resultas, cunha estimación de 7.750 toneladas.

No conxunto de lotes, domina o piñeiro do país e o piñeiro silvestre, aos que hai que engadir cantidades menores doutras especies. En total, supoñen unha absorción de CO² de 26.615 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores e que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

A maiores, cómpre resaltar que 14 dos 30 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 10 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cómpre lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

 
Enlace á resolución no DOG:
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 18/08/2022