A Xunta e o sector TIC continúan no terceiro trimestre coas actividades de fomento das vocacións tecnolóxicas e o impulso do talento para a incorporación ao mercado laboral

Neste terceiro trimestre do ano continúan os encontros virtuais dos webinars TransformaTech Sessions na súa modalidade Talento Xove

Análise forense en Redes e o Blockchain ocuparán a parte da formación dirixida aos perfís profesionais

Poranse en marcha a II Edición de Cibeseguranza Kids e novas sesións do Programa Girl STEAM

As empresas do Pacto Dixital de Galicia seguen a impulsar actividades durante o verán no marco do Plan Digitalent
 

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O Catálogo do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o terceiro trimestre do ano sumando esforzos coas empresas colaboradoras do Pacto Dixital de Galicia e os Colexios e Asociacións do eido tecnolóxico para o fomento do talento dixital ao longo de todas as etapas vitais da cidadanía.

 

Nesta liña, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) levará a cabo no mes de setembro diferentes iniciativas dirixidas á infancia e adolescencia e á madurez. Enfocada aos E-Líders para a transformación dixital, impartirá de forma online o Curso sobre DFIR (Digital Forensic&Incident Response) e Análise Forense en Redes ao longo do mes de setembro; e dirixida aos máis pequenos e pequenas, volve o VII Scratch Day, iniciativa orientada a divulgar os valores da programación informática de forma lúdica e divertida, incentivando a creatividade e o emprendemento e mellorando a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.

 

No terceiro trimestre deste ano dará comezo unha nova edición da Formación en Blockchain da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que un ano máis colabora coa Axencia autonómica no impulso da formación especializada dos distintos perfís profesionais do sector tecnolóxico galego. Ademais, coincidindo co comezo do curso escolar o CPEIG porá en marcha a II Edición de Ciberseguranza Kids, unha iniciativa que ten por obxectivo achegar aos máis novos e novas os valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet, coa divulgación da ciberseguridade entre os máis pequenos. Como novidade para este curso, impartiranse tres sesións nas instalacións do GaiásTech.

 

Do mesmo modo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) puxeron en marcha no mes de xullo e ata setembro novas sesións do Programa Girl STEAM. O obxectivo destes obradoiros formativos é dar maior visibilidade aos roles da muller no sector TIC experimentando dun xeito creativo, práctico e inspirador coa tecnoloxía co fin de motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas dende 8 a 15 anos.

 

Iniciativas dirixidas á infancia e á adolescencia

No mes de setembro volven os Webinars TransformaTech Sessions na súa modalidade Talento Xove. Esta iniciativa, liderada pola Axencia autonómica e que conta coa colaboración das entidades que participan do Pacto Dixital, desenvolve unha serie de encontros virtuais para rapaces e rapazas de ata 16 anos e a centros educativos de bacharelato e formación profesional. O programa enfócase en espertar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e novas a través de sesións sobre tecnoloxías disruptivas con contidos adaptados e orientados ao público máis novo. As xornadas están deseñadas dunha forma moi participativa e dinámica e nelas afóndase na temática do Big Data.

 

Pola súa banda, Telefónica continua coas súas visitas ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña, iniciativa orientada a centros educativos, universidades e outros colectivos interesados. Nestas visitas, os participantes realizan un percorrido pola historia da telefonía e as telecomunicacións dende o pasado ao presente, dende Graham Bell ata a fibra óptica, explorando os equipos e dispositivos que foron dando servizo a través do tempo ata a actualidade e que aínda se atopan operativos. Trátase dunha visita deseñada dunha forma moi dinámica e práctica, na que os asistentes poden coñecer en primeira persoa o funcionamento de diversos elementos históricos como telégrafos, terminais telefónicos, centrais, cables ou radios.

 

Do mesmo xeito, co inicio do curso escolar en setembro retomaranse as visitas guiadas polas instalacións do Data Center de Altia dirixidas aos centros educativos que conta con 400m2 de salas técnicas.

 

Fomento dos novos perfís dixitais

O avance das tecnoloxías dixitais na sociedade, no mercado laboral e na propia estrutura e natureza do traballo está a cambiar as normas e as condicións ás que estábamos habituados. Os novos estudantes, titulados e profesionais vense obrigados a unha rápida adaptación ás novas demandas deste panorama cada vez máis dixital. Nese senso, continuaranse a desenvolver actuacións e iniciativas que axuden e impulsen ao talento galego na súa incorporación ao mundo laboral.

 

Así, do 6 ao 8 de xullo celebráronse na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC-UDC) as XXVIII Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI 2022), nas que participou NTT DATA promovendo o contacto, o intercambio e a discusión de coñecementos e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación.

 

Tamén no ámbito universitario, R continúa a impulsar a Cátedra interuniversitaria galega en ciberseguridade, que ten como obxectivo formar a estudantes universitarios e profesionais e divulgar coñecemento sobre a mellora das competencias neste campo. Pola súa banda, DXC brinda asesoramento especializado a alumnos/as en informática no desenvolvemento dos seus proxectos finais e realización de prácticas tuteladas, a través do Observatorio DXC.

 

Ademais, Altia xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, segue a achegar ao estudantado de Formación Profesional ao mundo laboral, alternando estancias formativas no Instituto e na empresa a través da súa iniciativa Altia FP Dual. Así mesmo, a partir de setembro, repite un ano máis coas súas iniciativas Altia Staging e Altia TechDay, coas que fomenta o talento especializado en tecnoloxías avanzadas entre o alumnado universitario a través de workshops e proxectos de fin de grao e mestrado.

 

Atracción de talento no exterior

Por último, enfocado no ámbito do emprego, continua a actividade do Portal Retorna Dixital, un espazo dirixido a recoller ofertas de emprego do sector TIC, ofrecendo oportunidades aos galegos e galegas retornados e aos que aínda seguen fóra de comezar unha nova carreira profesional neste sector en Galicia.

 

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/08/2022