Preto de 23.200 persoas inscribíronse nas oposicións para cubrir 387 prazas de emprego público da Xunta

Estas prazas corresponden aos subgrupos A1, A2, C1 e C2 da Administración galega

O sistema de acceso será o de oposición libre polo que pode presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias

As posibilidades de lograr unha praza dependen exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 23.186 persoas inscribíronse nas oposicións para cubrir 387 prazas de emprego público correspondentes aos subgrupos A1, A2, C1 e C2 de Administración Xeral da Xunta de Galicia.

 

Do total, 1.747 persoas inscribíronse nas oposicións para o acceso a 75 prazas do Corpo Superior (A1); 2.682 persoas para 90 prazas do Corpo de Xestión (A2); 9.473 para 102 prazas do Corpo Administrativo (C1); e finalmente 9.284 persoas para cubrir 120 prazas do Corpo Auxiliar (C2).

 

Con estas convocatorias complétanse as 720 prazas de emprego público que se cubrirán polo sistema de oposición libre correspondentes ás Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2020 e 2021.

 

Sistema de oposición libre

O sistema de acceso será o de oposición libre e non o de concurso-oposición tal e como se viña empregando nos últimos procesos selectivos. Polo tanto, a estas oposicións pode presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e as súas posibilidades de lograr unha praza dependen exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo.

 

A Consellería de Facenda e Administración Pública propuxo esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na Administración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/08/2022