A Xunta organiza en Maceda un curso sobre poda e enxertado de castiñeiro

Impartirase os vindeiros días 13 de setembro e 25 de novembro na Oficina Agraria Comarcal desta localidade ourensá, cun total de 12 horas formativas

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar desde a semana que vén en Maceda un curso sobre poda e enxertado de castiñeiro. Impartirase na aula de formación da Oficina Agraria Comarcal desta localidade ourensá os próximos 13 de setembro e 25 de novembro, en horario de mañá e tarde cun total de 12 horas lectivas.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, persegue neste caso aportar nocións teóricas das operacións de poda e enxerta, dar a coñecer os enxertos posibles no castiñeiro en primavera tardía e tamén as prácticas de enxerta e poda de outono/inverno.

Así, na mañá da primeira xornada do curso abordarase a poda, os seus tipos, as ferramentas necesarias para levalas a cabo, así como o preciso afiado e desinfección. No caso da enxerta, tamén se falará das distintas posibilidades que existen, dos aparellos necesarios e -neste caso- do seu selado e desinfección. Xa pola tarde, haberá unha sesión práctica centrada nos enxertos propios de primavera/verán. Por último, na segunda xornada pola tarde programarase unha práctica de podas e enxertos propios de inverno.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 988 788 740, ou enviarse un correo a oac.ceca.maceda@xunta.gal.  

Data de actualización: 08/09/2022