A Xunta concede 21 axudas por preto de 40.000 € para actuacións de mellora, conservación e divulgación das árbores e formacións senlleiras

Outorga 11 subvencións a 6 entidades propietarias ou particulares e 10 axudas distribúense entre os concellos de Triacastela, Caldas de Reis, Padrón e Oleiros

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vén de resolver a concesión de 21 axudas, por preto de 40.000 euros, para actuacións de mellora, conservación e divulgación das árbores e formacións senlleiras, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

 

No que atinxe á liña de axudas a administracións locais, a Xunta resolveu conceder 10 axudas, que se distribúen entre os concellos de Triacastela (1), Caldas de Reis (3), Padrón (4) e Oleiros (2).

 

Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, outorgou 11 subvencións a 6 entidades propietarias ou particulares.

 

Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos.

 

Elementos no Catálogo de senlleiras

Cómpre lembrar que todos os elementos subvencionables están recollidos no Catálogo galego de árbores senlleiras, un rexistro público de carácter administrativo no que se inclúen todas aquelas árbores e formacións que en atención ás súas características excepcionais, merecen unha protección especial.

 

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, na que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

 

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Nestes momentos, o catálogo suma xa 183 elementos —145 árbores e 38 formacións— pertencentes a 79 especies diferentes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/09/2022