A instalación de realidade virtual ‘Carne y Arena’, despídese da Cidade da Cultura con 5.000 visitantes e un faladoiro sobre as migracións

Esta experiencia inmersiva, dirixida por Alejandro G. Iñárritu e galardoada cun Óscar, abriu as súas portas no Museo Gaiás o pasado 1 de xullo convertendo a Santiago de Compostela na primeira e ata agora única cidade da Península en acoller este proxecto

A instalación pecha o domingo 18 e chega á súa derradeira semana coas entradas practicamente esgotadas

Para promover a reflexión sobre a realidade das persoas migrantes e analizar as posibilidades creativas da hibridación de formatos creativos promóvense dous faladoiros arredor desta experiencia

‘CARNE y ARENA’ é un proxecto producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective, Fondazione Prada e PHI Studio, que chega a Santiago da man da Xunta de Galicia e da plataforma cultural 90_20

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

Preto de 5.000 persoas tiveron a oportunidade de participar este verán na Cidade da Cultura na experiencia inmersiva CARNE y ARENA (Virtualmente presente, Fisicamente invisible), que achega a experiencia das persoas migrantes que cruzan o deserto entre México e os Estados Unidos. A instalación de realidade virtual dirixida polo oscarizado director Alejandro G. Iñárritu despídese do Gaiás o 18 de setembro coas entradas practicamente esgotadas para a súa derradeira semana e con dous faladoiros cos que a Xunta de Galicia se propón abrir unha reflexión sobre a realidade das persoas migrantes e analizar as posibilidades creativas da hibridación de formatos creativos.

 

Premiada cun Oscar pola Academia de Hollywood, esta pioneira proposta inmersiva converteu Santiago de Compostela na primeira cidade da Península en acoller este proxecto, producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, e que aínda se pode visitar en Galicia da man do Goberno galego e a plataforma cultural 90_20, e no marco do Xacobeo 21-22. Previamente á súa chegada a España, puido verse en cidades como Milán, Ámsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Os Ánxeles ou Cidade de México.

 

No marco desta instalación, a Xunta de Galicia organiza na Cidade da Cultura dous faladoiros arredor da realidade das persoas migrantes e as narrativas dos procesos de migración, asilo e espazos fronteira por unha banda, e das posibilidades creativas da hibridación de formatos, por outra.

 

Espazo de reflexión e debate

O primeiro destes faladoiros, baixo o título Imaxinarios e narrativas migrantes nas fronteiras, contou o pasado xoves coa participación de dúas grandes coñecedoras dos procesos de migración, asilo e dos espazos fronteira no contexto español. Por unha banda, a catedrática de Socioloxía Laura Oso, coordinadora do Equipo de Investigación Sociedades en Movimiento (ESOMI) da Universidade da Coruña e directora adxunta do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). Con ampla experiencia investigadora en migracións internacionais e no vencello entre os movementos de poboación e o desenvolvemento, foi consultora de organizacións internacionais como a OCDE, a Unión Europea, ou INSTRAW-ONU. Estivo acompañada da cineasta e investigadora Keina Espiñeira, integrante do ESOMI e especialista na análise de políticas e tecnoloxías nos eidos de fronteira-migración-asilo na Unión Europea, cun traballo empírico baseado no Mediterráneo occidental.

 

O segundo destes encontros para a reflexión e o diálogo terá lugar o vindeiro xoves 15 de setembro e conta con inscrición de balde a través da web da Cidade da Cultura. Partindo do vencello de CARNE y ARENA con outras experiencias artísticas (fotografía, cinema, performances, instalacións...) e literarias centradas na fronteira e na experiencia migratoria, convídase ao debate a dous especialistas en linguaxes transmedia na creación contemporánea: Anxo Abuín –profesor de Literatura Comparada na USC e investigador especializado en intermedialidade e estudos culturais– e Xosé Nogueira –doutor en Historia da Arte (Historia do Cinema), profesor titular do Departamento de Historia da Arte da USC e estudoso das mutacións e hibridacións na arte e a disolución das fronteiras na cultura audiovisual–.

 

Prazas limitadas

Adxectivos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que CARNE y ARENA recibiu durante a súa xira internacional por parte de cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o Washington Post. Polas especiais condicións da instalación, con capacidade para acoller a só tres visitantes en simultáneo –75 por día–, as prazas dispoñibles limitáronse a pouco máis de 5.000 persoas, sendo ocupadas máis do 90% destas localidades, a un prezo de 9 € (máis gastos de xestión).

 

Alejandro G. Iñárritu

Alejandro G. Iñárritu é un oscarizado director, guionista, locutor e compositor mexicano. É un dos cineastas máis aclamados e recoñecidos a nivel mundial, nomeadamente por contar historias conmovedoras e internacionais sobre a condición humana. Dirixiu filmes como Amores perros (2000), 21 gramos (2003), Babel (2006), Biutiful (2010), Birdman (2014) ou The Revenant (2015). Conta con catro premios Oscar (mellor película, mellor director e mellor guión orixinal por Birdman, e novamente mellor director por The Revenant), ademais de un Oscar Especial ao proxecto de RV CARNE y ARENA, cualificado pola Academia como unha “experiencia narrativa excepcional”.

 

Sobre PHI Studio

Con base en Montreal, PHI Studio centra as súas actividades na produción de traballos inmersivos en realidade virtual, realidade aumentada e realidade estendida. Pioneira en experiencias interactivas, recibiu recoñecemento internacional pola súa produción innovadora ao servizo de novas formas de narración.

 

Sobre Emerson Collective

Emerson Collective é unha organización dedicada a eliminar barreiras y promover oportunidades para que as persoas desenvolven todo o seu potencial. Fundada e dirixida por Laurene Powell Jobs, Emerson Collective céntrase na educación, na inmigración, no medio ambiente e en iniciativas de xustiza social. Emerson emprega unha ampla gama de ferramentas e estratexias -desde a filantropía e programas de inversión de risco, ata a colaboración con emprendedores, activistas, divulgadores e líderes de opinión- para desenvolver e executar solucións innovadoras que impulsen o cambio e promovan a igualdade.

 

Sobre Legendary Entertainment

Legendary Entertainment é unha empresa de medios de comunicación que conta con operacións de cine, televisión, medios dixitais e banda deseñada que posúen, producen e distribúen contido para audiencias internacionais.

 

Sobre 90_20

90_20 é unha plataforma de produción cultural que conecta ambos lados do Atlántico mediante a colaboración con artistas internacionais para crear experiencias que impactan na súa comunidade e enriquecen o gusto pola creación artística, destacando a capacidade da arte como ferramenta de transformación, integración e innovación.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/09/2022