Román Rodríguez sitúa ‘Rapa’ como referencia de calidade e de dinamización económica do audiovisual galego

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o equipo desta serie que, producida por Portocabo para MovistarPlus+, rodará a segunda temporada ata decembro en Ferrol, Valdoviño, Fene, Cedeira e Narón

A Xunta achega 600.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do seu Hub para esta ficción creada por Pepe Coira e Fran Araújo

Os seis episodios desta nova entrega volven estar protagonizados por Javier Cámara e Mónica López, xunto a un elenco de intérpretes galegos como Melania Cruz, Carlos Blanco, Federico Pérez, Adrián Ríos ou Iolanda Muíños, entre outros

Compartir
  • whatsapp

Ferrol, 14 de setembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou en Ferrol o equipo de Rapa, serie de Portocabo para MovistarPlus+ que inicia a rodaxe da súa segunda temporada. A gravación dos seis episodios que constituirán a nova entrega desta ficción ideada por Pepe Coira e Fran Araújo conta co apoio da Xunta de Galicia, que se materializa cunha contribución económica de 300.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do seu Hub Audiovisual, que sumadas á achega da primeira entrega fai un total de 600.000 euros.

O conselleiro, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros,  e polo director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, referiuse a Rapa na presentación do inicio de rodaxe como modelo do mellor que pode ofrecer o sector, tanto en termos de calidade artística como de dinamización económica para o país. A produción, que o titular de Cultura cualificou de “ambiciosa”, xa recibiu unha boa acollida do público e da crítica na súa primeira entrega e converteuse na mellor estrea dos últimos meses en MovistarPlus+. 

Román Rodríguez situou a ficción de Portocabo como proba da “época doudada” que está a vivir o noso audiovisual. Dese xeito, fixo referencia ao tecido empresarial do sector no seu conxunto, cuxas produtoras cada vez están “máis consolidadas e mellor posicionadas”, e aos seus profesionais tanto do ámbito técnico como do artístico—, que gozan dun gran recoñecemento tamén no exterior. Galicia, ademais, estase a consolidar cada vez máis como escenario idóneo para lle dar acubillo a todo tipo de formatos, narrativas e xéneros audiovisuais, unha dinámica que se verá reforzada pola próxima posta en marcha dunha plataforma dixital que operará como Galicia Film Commission.     

Motor económico e laboral

Todos estes elementos converten, segundo salientou o conselleiro, o noso audiovisual “nun exemplo de dinamismo e de vangarda cultural”, pero tamén nun motor económico e nun gran xerador de emprego. Neste senso, cómpre lembrar os datos que deixou xa na nosa Comunidade a rodaxe da primeira temporada de Rapa, recollidos por un estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela: 5,6 millóns de euros de retorno económico e 85 postos de traballo.

Estas cifras convidan a Xunta a continuar na súa decidida aposta polo sector audiovisual para aproveitar, reforzar e optimizar o seu potencial. Con eses obxectivos, o Goberno galego creou o Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa de apoio sen precedentes, que se traduce nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. 

Dentro das estratexias de acción do Hub, puxéronse xa en marcha dúas quendas de apoio para a atracción de rodaxes cun investimento global de 4 millóns de euros. Na primeira delas, contribuíuse con catro producións —a longa 13 exorcismos, de Bambú, e as series Hasta el cielo, de Vaca Films, a primeira temporada de Rapa e Los Argonautas, ambas as dúas de Portocabo­— que supuxeron en conxunto 15 millóns de retorno e a mobilización de 230 novos empregos. Na segunda, estase a apoiar as novas temporadas tanto de Rapa coma de Operación Marea Negra, de Ficción Producciones para Amazon Prime; así como o filme Amigos hasta la muerte, ópera prima de Javier Veiga.

‘Thriller’ no Arsenal

A segunda temporada de Rapa volverá reunir a Tomás (Javier Cámara) e Maite (Mónica López) para tentar solucionar dous casos sen resolver. Ela introducirase no Arsenal Militar, un ambiente ríxido marcado por normas estritas onde desapareceu un oficial. El, pola súa banda, desempeñarase nun asasinato a piques de prescribir tras 20 anos sen resposta.  

Esa será a trama dos seis novos episodios nos que intervirá un nutrido grupo de actores e actrices galegas. Intérpretes como Iolanda Muíños, Evaristo Calvo, Melania Cruz, Carlos Blanco, Lara Boedo, Federico Pérez e Adrián Ríos participarán nas distintas sesións de gravación, que se realizarán ata decembro entre Ferrol, Valdoviño, Cedeira, Fene e Narón.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2022