Rueda anuncia que a Xunta aproba unha orde con 34,8 M€ para financiar a creación de prazas en escolas infantís en colaboración cos concellos

Resaltou que permitirá crear ata 3.400 novas prazas, isto é, un 11 % máis das que existen na actualidade

Subliñou que Galicia “xa ten unha posición pioneira” neste ámbito ao ser a primeira comunidade en aplicar a gratuidade en todas as escolas infantís

A xustificación da subvención pode realizarse coa construción de novas escolas infantís, coa ampliación das xa existentes ou coa rehabilitación de inmobles que non están a ser de utilidade e que lle poden dar unha nova vida.
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022. -
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe unha orde para crear en colaboración cos concellos máis de 3.400 novas prazas en escolas infantís, un 11 % máis das que existen actualmente. Destinaranse 34,8 millóns de euros nesta medida que procura impulsar o número de prazas no primeiro ciclo de educación infantil, onde Galicia é comunidade referencia en España. “Galicia xa ten unha posición pioneira neste ámbito ao ser a primeira comunidade en proporcionar a gratuidade en todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade e para todas as familias”, sinalou.

 

O titular do Goberno galego explicou, tras a reunión semanal do Executivo autonómico, que a nova liña de axudas dirixida ás administracións locais financiará as prazas creadas desde o 1 de xaneiro de 2021 e ata o 15 de setembro de 2024. Polo tanto, aqueles concellos que desde comezos do ano pasado xa crearan novas prazas e o xustifiquen, poden recibir financiamento. “A xustificación da subvención pode realizarse coa construción de novas escolas infantís, coa ampliación das xa existentes ou coa rehabilitación de inmobles que non están a ser de utilidade e aos cales lles poden dar unha nova vida”, indicou Rueda.

 

Unha nova medida que ratifica a aposta da Xunta pola conciliación e por darlles máis facilidades ás familias. Neste sentido, Rueda lembrou que Galicia é a primeira comunidade de España en implantar a educación infantil gratuíta para todos os fillos e en todas as escolas nunha xornada de oito horas, “o que supón un recurso de conciliación fundamental”. Unha medida que permitirá aforrar entre 1.500 € e 2.000 € anuais por neno a 30.000 familias e na que o Goberno galego destinará 50 millóns de euros.

 

Por último, o titular da Xunta quixo destacar a confianza que as familias galegas teñen na rede de escolas infantís da Comunidade xa que, na actualidade, a taxa de matriculación no primeiro ciclo de Educación Infantil -a etapa que abrangue dos 0 aos 3 anos e que na que a escolarización é voluntaria- é do 50,5%. “Trátase dunha das taxas máis elevadas de España e probablemente de Europa”, salientou.

 


 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2022