O director da Axencia Galega da Industria Forestal participou no encontro trimestral do programa #ElasXeranSector, no que xa están implicadas 200 persoas

A Xunta aposta pola visibilización do talento e achégase ás novas promocións da enxeñaría forestal

Jacobo Aboal destacou o interese e a necesidade do sector de incorporar novas vocacións que impulsen a modernización e a competitividade da industria forestal-madeira
 

O terceiro encontro trimestral do programa #ElasXeranSector tivo lugar na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra co obxectivo de achegar a industria ao alumnado, tecendo redes de colaboración xa dende a etapa formativa

Pontevedra, 15 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, vén de participar no encontro trimestral do programa #ElasXeranSector, no que xa están implicadas 200 persoas e no que hoxe se congregaron profesionais do sector xunto co estudantado da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Así, a industria achegouse á formación, nun día no que se presentaban dous programas específicos deseñados para fortalecer esta interconexión.

 

En primeiro lugar, presentouse un programa formativo centrado na pedagoxía forestal. O curso está dirixido a todas as persoas que desexen traballar na divulgación da industria forestal-madeira, explicando a súa contribución á neutralidade climática, o benestar das persoas e a xeración de emprego especialmente no eido rural. Na formación aprenderanse as ferramentas básicas de comunicación e reforzaranse os aspectos técnicos da cadea de valor. A inscrición abrirase nos próximos días.

 

A continuación, Silvia Negreira, subdirectora xeral de Programas e Asesoramento para a Xuventude, presentou o programa Xuventude Mentoring. A iniciativa, que está a punto de iniciar a súa segunda edición, tivo un notable éxito na primeira convocatoria. O programa integral de formación e mentoring está deseñado para favorecer a transición á vida laboral da mocidade con estudos de grao ou de formación profesional, e foi acollido con interese por parte das persoas que participan en #ElasXeranSector, que se ofreceron para mentorizar ao estudantado de enxeñaría forestal.

 

Por último, dedicouse un amplo espazo de tempo á cocreación é a definición de distintos obxectivos do programa #ElasXeranSector. Entre eles, reforzarase a campaña #ACTÚAexs que ten como obxectivo que as persoas que participan se comprometan a levar a cabo unha acción concreta para contribuír a visibilizar o papel das mulleres na cadea de valor forestal-madeira e impulsar o talento feminino.

 

O director da XERA salientou a necesidade de fomentar a incorporación de talento no sector e insistiu no compromiso da Xunta de Galicia neste sentido. Felicitou á Consellería de Política Social e Xuventude polo programa Xuventude Mentoring e confirmou a intención da Axencia Galega da Industria Forestal de impulsar iniciativas como a formación específica en pedagoxía forestal. Lembrou tamén o próximo inicio dun grupo de traballo multidisciplinar dedicado á capacitación do sector, abranguendo dende a formación regrada de FP e universidade ata a formación non regrada dirixida á formación continua dos traballadores.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 15/09/2022