A serie ‘Dalia, a modista’ salta da televisión á novela coa adaptación da escritora Noe Martínez e o apoio da Xunta

A trama de misterio, ambientada na vila de Prescedo, pon a súa protagonista Dalia no centro da historia onde investiga os segredos familiares e o asasinato da súa nai

Santiago de Compostela, 15 de setembro 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación da novela galega Dalia, a modista, onde sinalou “a importancia de que a literatura galega se incorpore a unha das tendencia emerxente nestes momentos, como son as novelas e os relatos literarios xurdidos a partir das series televisivas de éxito”

 

No transcurso do acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, destacou a importancia de que a obra Dalia, a modista conte coa produción de CTV e participación da actriz María Mera como principal protagonista. “Estou seguro de que agora, este novo libro presentado por medio da Fundación Araguaney terá un éxito parello á serie producida en Galicia, escrita desde Galicia e pensada en clave galega”, afirmou.

 

No evento tamén interviñeron o produtor executivo de CTV e guionista da serie, Ghaleb Jaber Martínez, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a autora da novela e tamén guionista da serie de televisión, Noe Martínez.

 

A novela foi escrita por Noe Martínez (Ourense, 1975), unha das guionistas, xunto a Eligio R. Montero e Ghaleb Jaber Martínez, da serie de televisión de TVG, creada por CTV e emitida en 2016, que recibe o mesmo nome. Trátase dunha obra cunha trama de misterio, amor e superación ambientada nos anos 50.

Data de actualización: 15/09/2022