Luis López garante o “máximo apoio” da Xunta para o futuro da Feira do Moble e o crecemento do sector

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou a “importancia socioeconómica e incluso identitaria” do moble na nosa comunidade, xa que representa o 6% da actividade económica cunha produción de 3,6 millóns de pezas anuais

“O dinamismo do sector e a súa capacidade para adaptarse aos novos tempos son dignos de eloxio, xa que, con deseño, eficiencia, calidade, innovación e un gran potencial loxístico consegue ser un referente no mercado internacional”, salientou o representante autonómico

Luis López subliñou o valor de recuperar a Feira do Moble de Galicia trala suspensión das dúas edicións anteriores por mor da pandemia e agradeceu o traballo da Fundación de Exposicións e Congresos “para manter na Estrada o escaparate da capital do moble de Galicia”

O delegado territorial, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o alcalde da Estrada, José López, e outras autoridades, visitou aos 50 expositores que enchen o recinto e que mostrarán as súas coleccións ata o vindeiro domingo

A Estrada, 15 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López , garantíu o “máximo apoio” do Goberno galego para o futuro da Feira do Moble e para o crecemento e desenvolvemento do sector durante o acto de inauguración oficial da triséximo cuarta edición do certame, que tivo lugar este mediodía no recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada.

 

O representante autonómico destacou a “importancia socioeconómica e incluso identitaria” do sector do moble na nosa comunidade, xa que representa algo máis do 6% da actividade económica grazas ás súas 730 empresas que producen anualmente 3,6 millóns de pezas, con especial preponderancia nas de cociña.

 

“O dinamismo do sector do moble galego e a súa capacidade para adaptarse aos novos tempos son dignos de eloxio, xa que ademais dos mobles para os nosos fogares tamén vén de especializarse no ámbito do contract para equipamentos de hoteis ou establecementos comerciais, e todo elo aderezado con deseño, eficiencia, calidade, innovación e un gran potencial loxístico, sen esquecer o tradicional bo xeito de traballar a madeira, polo que conseguen que Galicia sexa un referente no mercado internacional”, salientou o representante autonómico.

 

Ademais, Luis López subliñou o valor e a importancia de recuperar a Feira do Moble de Galicia trala suspensión das dúas edicións anteriores por mor da pandemia, “xa que deste xeito volvemos ao desexado punto de partida e podemos afrontar os retos do futuro, para os que a Xunta estará incondicionalmente apoiando ao sector”. Neste senso, agradeceu e louvou o traballo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada “ para que volvamos a ter este certame e manteñamos na Estrada a capital do moble de Galicia, que é unha marca de identidade e un gran activo económico e laboral deste concello”.

 

Tras a súa intervención, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra visitou os stands dos 50 expositores xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o alcalde da Estrada, José López, os representantes da Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles da Estrada, empresarios locais e outros representantes institucionais. Luis López interesouse polas súas coleccións e desexoulles unha “boa feira”, que se celebrará ata o vindeiro domingo cun horario de apertura de 11.00 a 20.00 horas e toda a superficie expositiva completa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2022