A Xunta organiza a semana que vén no centro de formación e experimentación agraria de Becerreá un curso de iniciación á apicultura

Prevista do 20 ao 23 de setembro, a acción formativa constará dun total de 20 horas lectivas

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén un curso de iniciación á apicultura no Centro de formación e experimentación agraria de Becerreá. Prevista do 20 ao 23 de setembro, a acción formativa constará dun total de 20 horas lectivas en horario de 9,00 a 14,00 h.

 

O obxectivo é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo ao mesmo tempo á sustentabilidade da economía rural, impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, garantir a remuda xeracional no sector e fomentar a transferencia de coñecementos e innovación, entre outros.

 

Así, o programa inclúe nocións sobre a bioloxía do enxame, o apicultor e a colmea, así como sobre a instalación do apiario, sobre a saúde das abellas e sobre o tipo de meles. Tamén se abordará a normativa a ter en conta e a prevención de riscos laborais na apicultura.

 

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 370, ou enviarse un correo a mercedesfra@gmail.com.

Data de actualización: 16/09/2022