O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal reuníronse hoxe en Boiro con responsables desta entidade

A Xunta avalía coas comunidades de montes do Barbanza as medidas tomadas ata o de agora para reparar os danos rexistrados polos incendios forestais na zona

No encontro participaron tamén expertos do CIF de Lourizán que inspeccionaron a zona afectada e que constataron un impacto en xeral baixo nos solos e só moderado nalgunhas áreas específicas
 

O Goberno galego xa se adiantara a facer traballos paliativos na contorna do Barbanza para evitar os arrastres das cinzas nas áreas delimitadas polos técnicos de Augas de Galicia en coordinación cos do CIF de Lourizán
 

De feito, tralas chuvias rexistradas a pasada semana, os técnicos do CIF de Lourizán descartaron calquera arrastre de cinsas, confirmando que non houbera afectación aos bancos marisqueiros da zona

Boiro (A Coruña), 16 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo hoxe un encontro cos responsables das diversas comunidades de montes do Barbanza, para avaliar a situación tras os incendios forestais rexistrados este verán na zona e as medidas tomadas ata o de agora.

 

Na reunión tamén participou Cristina Fernández, especialista do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que inspeccionou -xunto con outros técnicos- dende o pasado 9 de agosto a zona e priorizou a súa valoración. Así, explicou os detalles da afección e as medidas a tomar para previr a erosión no chan. Neste sentido, trasladou que a afectación nos solos foi en xeral baixa e só moderada en puntos concretos, nos que se levarán a cabo medidas paliativas de recuperación para evitar a erosión do chan. Concretamente, Cristina Fernández indicou que se procederá á técnica do mulching (acolchado) de palla nas zonas máis afectadas.  

 

Durante a xuntanza, o conselleiro informou que a pasada semana, os propios técnicos do CIF de Lourizán se desprazaron á zona para comprobar que non houbera arrastre de cinsas, logo das fortes chuvias rexistradas. Nesas inspeccións, dixo, confirmouse que non houbo afectación a bancos marisqueiros -de feito as mariscadoras da zona puideron traballar con total normalidade- e que a turbidez da auga non tiña nada que ver co incendio rexistrado no mes de agosto en Boiro, senón con sedimentos depositados nos fondos dos ríos e dos camiños, mesmo antes do último lume do Barbanza.

 

Así mesmo, o conselleiro lembrou que a Xunta xa se adiantara a estes posibles arrastres e fixo traballos nas áreas afectadas polo lume na contorna do Barbanza. Concretamente, os técnicos do servizo de Conservación Fluvial de Augas de Galicia en coordinación cos técnicos da Consellería do Medio Rural traballaron nas contornas de especial sensibilidade pola proximidade dos leitos fluviais a zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que puidesen favorecer os arrastres das cinzas.

 

Neste contexto, o conselleiro indicou tamén que a xuntanza serviu para avaliar as medidas a adoptar a medio e longo prazo, para o que pediu a colaboración das comunidades de montes co fin de procurar un territorio “o máis resiliente” fronte o lume.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 16/09/2022