A Xunta e os tecores abordan posibles melloras nos trámites administrativos que afectan ao sector

Durante a xuntanza tamén falaron sobre cuestións relacionadas co exercicio da actividade cinexética na Comunidade, a próxima tempada de caza e o relevo xeracional

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e a Asociación de tecores galegos (Ategal) abordaron esta semana a posibilidade de introducir melloras co fin de optimizar e simplificar algúns dos trámites que habitualmente teñen que realizar este tipo de sociedades de caza ante a Administración autonómica.

 

Este foi un dos asuntos que trataron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e os representantes de Ategal no transcurso da xuntanza que mantiveron para intercambiar propostas e ideas que permitan seguir avanzando na liña de colaboración que manteñen desde hai anos ambas entidades.

 

Neste sentido, analizaron diferentes cuestións relacionadas co exercicio da actividade cinexética na Comunidade, o comezo da vindeira tempada de caza, así como a necesidade de buscar solucións que garantan o relevo xeracional para un sector cun importante peso en Galicia.

 

Ademais, os representantes de Ategal aproveitaron tamén a reunión para informar á conselleira e á directora xeral da súa participación nun proxecto de investigación europeo sobre as poboacións do coello de monte, no que colaboran xunto coas Universidades de Santiago de Compostela e de Córdoba e do que recentemente xa foron presentadas as primeiras conclusións.

 

Pola súa parte, Ángeles Vázquez salientou a liña de diálogo que manteñen desde hai anos coa Xunta as sociedades de caza galegas e agradeceu a súa boa disposición a colaborar en cuestións claves para o sector como poden ser a difusión das ordes de axudas que convoca cada ano o seu departamento para paliar os ataques da fauna silvestre ou a execución de accións de caza paliativas e puntuais naquelas zonas nas que se require da súa intervención ante a constatación de danos recorrentes.

 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2022