A Xunta remata a restauración das fontes e lavadoiros tradicionais do Pazo do Casal e de Rastrada, no concello de Crecente

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron o remate desta dobre actuación, financiada con 30.000€ por parte de Turismo de Galicia ao abeiro da orde de axudas para mellora de infraestruturas turísticas
 

As obras en ambos recintos consistiron na demolición de elementos deteriorados ou en formigón, a construción de piares en pedra granítica, a instalación dunha estrutura en madeira de pino galego e a cubrición con material cerámico para favorecer o seu embelecemento
 

“A Xunta sempre colabora cos concellos nas súas necesidades e, no caso de Crecente, desta volta era necesario recuperar a beleza destes fontes-lavadoiros das parroquias de Albeos e Quintela, xa que ademais son moi empregados”, detallou o representante autonómico

Crecente, 19 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar as obras de restauración e recuperación da arquitectura tradicional dos fonte-lavadoiros de Pazo do Casal e da Rastrada, ambos no Concello de Crecente, cunha achega de 30.000 euros da Axencia Turismo de Galicia.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron o remate desta dobre actuación, que foi financiada polo Goberno galego ao abeiro da orde de axudas para a mellora de infraestruturas turísticas en concellos de ata 10.000 habitantes.

 

“A Xunta sempre colabora cos concellos nas súas necesidades e, no caso de Crecente, que entre os moitos plans que ten en marcha aposta polo embelecemento e a recuperación da arquitectura tradicional, desta volta era necesario mellorar a imaxe e devolver a beleza destes fonte-lavadoiros das parroquias de Albeos e Quintela, xa que ademais son moi empregados pola veciñanza”, detallou o representante autonómico.

 

O recinto do Pazo do Casal, emprazado no lugar de Pazo (Albeos), debía ver mellorada a súa estrutura e corrixir certo deterioro e filtracións ao tempo que se recuperaba a súa estética de antano e se melloraba o acceso. Mentres, no lavadoiro da Rastrada, situado en Fonte (Quintela), optouse por suprimir unha estrutura de formigón existente na cuberta para devolverlle o seu esplendor e a realización doutras melloras.

 

En ambos casos, optouse por unha solución construtiva similar consistente na demolición dos elementos deteriorados ou en formigón, a construción de novos piares en pedra granítica do país, a instalación de senllas estruturas en madeira de pino galego e a cubrición con material cerámico ao tempo que se dotaban de nova sinalización. Ademais, no caso de Pazo do Casal tamén se procedeu á reconstrución dun muro de cachotería existente no acceso peonil e á renovación das vellas canalizacións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2022