A web do 112 Galicia incorpora a videointerpretación en lingua de signos aos consellos de autoprotección

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, presentou os novos contidos, postos en marcha coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia


Increméntase a funcionalidade e accesibilidade da información relacionada coa prevención de riscos ante a meteoroloxía adversa, no fogar e durante a práctica de deportes


O número único 112, dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano no territorio da UE, garante a comunicación sen que o idioma, procedencia ou condicións físicas sexan unha limitación

A Estrada (Pontevedra), 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), Iker Sertucha, presentaron hoxe os novos contidos da web do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, que incorpora a videointerpretación en lingua de signos aos consellos de autoprotección. A iniciativa ten como obxectivo garantir a funcionalidade e comprensión de informacións esenciais para a prevención de riscos ante a meteoroloxía adversa, no fogar e nos momentos de lecer.

As persoas que o desexen poden acceder, tanto a través da web como da plataforma Youtube, a estes contidos en lingua de signos con indicacións útiles sobre como reducir o número de accidentes durante un temporal, o cociñado na casa ou a práctica dalgún deporte, entre outros. Engádese así valor á información dispoñible na web, ao tempo que se afonda no compromiso coa comunicación sen barreiras por parte do 112 Galicia e a FAXPG.

A posta en marcha da iniciativa vén completar outras accións a prol da accesibilidade, como garantir a comunicación coas persoas xordas no transcurso dunha situación de emerxencia. Para isto, o 112 Galicia conta desde hai anos cun sistema de chat e tamén co servizo de vídeo interpretación en lingua de signos da Xunta de Galicia (Bildtec). Ademais, a nivel nacional, dispón das funcionalidades de interpretación a distancia da plataforma SVIsual.

O 112, un número sen límite 

Cómpre salientar que o número único europeo de emerxencias 112, dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano, permite a comunicación coas persoas sen que o idioma, procedencia ou condición física supoña unha limitación.

O xerente da Axega puxo de relevo esta realidade durante o encontro co presidente da FAXPG, enmarcado na celebración, esta semana, do Día Internacional das Linguas de Signos e das Persoas Xordas para pór en valor a súa identidade lingüística e diversidade cultural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022