O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na entrega dos títulos de propiedade a preto de medio millar de veciños

A Xunta remata a parcelaria da Graña-Campo, no concello de Covelo, tras reorganizar unha superficie de máis de 600 hectáreas e investir máis de 3 M€

Jose González destacou que, grazas a este traballo, pasouse de 13.728 predios a 1.379 fincas, o que supuxo multiplicou por dez a superficie media das parcelas finais

Puxo en valor que entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas concentracións, que abarcan un total de 23.613 hectáreas e 107.655 parcelas de 15.586 titulares

Ademais das parcelarias, a Xunta aposta polos mecanismos de mobilización que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria e coa que, só no primeiro ano de vixencia, se está mobilizando máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia

Covelo (Pontevedra), 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, entregou este mediodía os títulos de propiedade da concentración parcelaria da Graña-Campo, no concello pontevedrés de Covelo. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 637 hectáreas, pertencentes a 486 veciños.

Neste acto, o conselleiro destacou que, grazas a este traballo, que supuxo un investimento de algo máis de tres millóns de euros, pasouse de 13.728 predios a 1.379 fincas. Ademais, José González salientou que a superficie media das parcelas finais pasou de 464 a 4.619 m², o que significa que se multiplicou por dez.

Nesta liña, o titular de Medio Rural reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2009 o Goberno galego destinou un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia. A maiores, lembrou, o seu deparamento traballa coa previsión de decretar este ano un total de 23 novas zonas de concentración parcelaria, que supoñen case 19.400 hectáreas e que beneficiarán preto de 14.000 propietarios.

Así, o conselleiro engadiu que, destas concentracións, seis corresponden á provincia de Pontevedra, concretamente aos concellos de Caldas de Reis (a zona de Bemil, decretada xa a semana pasada) e Dozón, Lalín (tres procesos) e Valga, e que todas elas se decretarán proximamente.

Neste mesmo sentido, o conselleiro puxo en valor que estas 23 parcelarias que se decretarán e as cinco xa decretadas o pasado ano, suporá que entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas concentracións, que abarcan un total de 23.613 hectáreas e 107.655 parcelas de 15.586 titulares. Desta forma, advertiu, as parcelarias seguen a ser un dos mellores mecanismos para darlle máis valor ás terras, á vez que permiten aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

José González explicou que por iso as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias. 

Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, impulsaranse tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Precisamente, destacou José González, no primeiro ano de vixencia desta norma estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda Galicia. Deste total de hectáreas, 8.788 ha corresponden a polígonos agroforestais e 574 ha a aldeas modelo. Entre ambos instrumentos de recuperación, incidiu, estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022