Xunta, Concello e Armada avanzan na definición da candidatura da cidade a Patrimonio Mundial

O conselleiro de Cultura participa nunha reunión de traballo co alcalde e o almirante do Arsenal Militar onde se acordaron novos pasos na redacción do documento

“De xeito coordinado entre as tres administracións acordamos seguir traballando conxuntamente para avanzar con éxito neste recoñecemento”, indica o conselleiro

Ferrol, 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe nunha reunión de traballo xunto co alcalde, Ángel Mato, e o almirante do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, para seguir avanzando no deseño da candidatura Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial da Unesco.

 

O encontro, realizado a petición do Concello de Ferrol, serviu para acordar novos pasos neste proxecto no que, como expresou o titular de Cultura da Xunta, desde o comezo Ferrol conta co Goberno autonómico como aliado para conseguir o máximo recoñecemento da Unesco. “É fundamental que todas as administracións implicadas colaboremos, nos coordinemos e traballemos de xeito conxunto para conseguir avanzar con éxito, como demostramos hoxe”, expresou.

 

Neste sentido, recordou que así vén sendo nos últimos anos entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol. De feito, hoxe acordouse a posta en marcha dun grupo de traballo coa presenza das tres administracións para abordar de xeito conxunto a redacción do documento para a súa correcta definición. “É un proceso complexo desde a perspectiva técnica e patrimonial e é necesario buscar todas as sinerxías necesarias para que todos xuntos, Concello, Armada e Xunta, cheguemos a un consenso e a unha planificación que posibilite a consecución deste recoñecemento”, engadiu.

 

De xeito paralelo o Goberno galego considera fundamental continuar poñendo en valor a cidade, como leva facendo a Xunta. En concreto, coa mellora e posta en valor do seu patrimonio con actuacións que se están levando nos últimos anos como a restauración das igrexas de Nosa Señora das Dores e Nosa Señora das Angustias xunto coas melloras incluídas no Plan Catedrais 2021-2027 na  Concatedral de San Xiao de Ferrol, así como o impulso ao Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav), entre outras actuacións.

 

A candidatura Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración é, xunto coa de Ribeira Sacra e Illas Cíes - Parque Nacional das Illas Atlánticas, unha das tres galegas que están actualmente rexistradas na lista indicativa da Unesco e nas que a Xunta está a traballar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022