A Xunta pon a Unidade Mixta de Investigación-Irmás como exemplo de éxito de colaboración público-privada

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá mediante videoconferencia na xornada ‘Innovación e ciberseguridade para unha Galicia máis resiliente’ coa que se celebrou o aniversario do Centro de Innovación en Ciberseguridade Tegra

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

  A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, particiou esta mañá, mediante videoconferencia, na xornada Innovación e ciberseguridade para unha Galicia máis resiliente, coa que se celebrou o aniversario do Centro de Innovación e Ciberseguridade Tegra. Un centro promovido ao abeiro da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Irmás a través da colaboración de Gradiant e Telefónica co apoio da Xunta de Galicia.

 

Na súa intervención, a directora cualificou de éxito de colaboración público-privada esta iniciativa que xa leva cinco anos de traballo, máis de 5M€ de investimento na Comunidade e que dá emprego a 40 profesionais altamente cualificados. Trátase dunha das 55 Unidades Mixtas de Investigación desenvolvidas en Galicia, coa participación de 39 empresas, na súa maioría grandes compañías, e 14 centros de coñecemento, e un investimento mobilizado de case 155 millóns de euros.

 

Grazas a aposta de Telefónica Cybersecurity, Galicia consegue atraer unha liña de I+D+i emerxente e con gran capacidade de crecemento, como é a innovación en produtos de ciberseguridade. Argerey destacou que o investimento en ciberseguridade é unha oportunidade estratéxica para Galicia, ao ser un mercado global cun crecemento anual agardado do 13% e polo peso deste sector tanto a nivel nacional como europeo.

 

A directora, que puxo en valor o modelo que promove o programa de Unidades Mixtas de Investigación impulsado pola Vicepresidencia primeira e Conselleria de Economía, Industria e Innovación, a través de Gain, lembrou o esforzo que se está a facer por apoiar o ecosistema galego de I+D+i. Así, referiuse ao programa Fábrica Intelixente e Sostible no que Gradiant participa -xunto con outros socios- con dous programas para innovar nos sectores da automoción e alimentario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022