Rueda compromete o apoio do Goberno galego á industria do metal polo seu peso na economía e perante as incertezas derivadas da crise internacional

Subliña o peso do sector na economía española e, sobre todo, na galega, onde representa o 20% do PIB

Ratifica a defensa das 220.000 empresas ás que representa Confemetal para superar os atrancos derivados da falta de subministración e do prezo da enerxía

Reclama ao Goberno central axilidade no reparto dos fondos europeos para impulsar sectores vencellados ao metal como a automoción, o naval, a eólica mariña ou a aeronáutica

Santiago de Compostela,  20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu o apoio do Goberno galego á industria do metal polo seu peso na economía e perante as incertezas derivadas da crise internacional.

 

Rueda interveu na clausura do comité executivo da Confederación Española de Organizaciones Empresariales del Metal (Confemetal), que se celebrou en Santiago de Compostela. O titular do Goberno galego subliñou o peso do sector na economía española e, sobre todo, na galega, onde representa o 20% do PIB, xera máis de 57.000 postos de traballo e supón preto do 42% das exportacións.

 

Indicou, ademais, que se trata dun sector moi amplo que ten moito que dicir tanto no presente como no futuro da economía, xa que en Confemetal están representadas as empresas de transformación do metal, pero tamén a industria naval, a automoción, a eólica mariña ou a aeronáutica.

 

O presidente da Xunta comprometeuse a seguir defendendo o sector en todos os foros nos que Galicia poida aportar ideas e solucións, co obxectivo de que as empresas superen os atrancos derivados da falta de subministración e do prezo da enerxía. Alfonso Rueda recordou que o Goberno galego xa está aplicando medidas para garantir a competitividade da industria desde o punto de vista enerxético, como as axudas, por valor de 81 millóns de euros, á mellora da eficiencia enerxética.

 

O titular do Executivo autonómico puxo en valor os fondos europeos para impulsar sectores vencellados ao metal cun alto valor engadido, polo que recordou unha vez máis ao Goberno central a necesidade de axilizar o reparto e de que as axudas cheguen aos sectores que máis as precisan. “Non podemos xogar co noso futuro -advertiu-. Non imos permitilo. Os fondos europeos son unha gran oportunidade para a recuperación da economía e non podemos deixala pasar”. Engadiu que seguirá “vixiante e esixente” sobre os compromisos adquiridos polo presidente do Goberno en relación á chegada dos Next Generation para a posta en marcha de proxectos de interese para Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022