A Xunta detecta dous novos casos de gripe aviaria en mascatos localizados en Galicia

Os novos casos positivos corresponden a dous individuos recollidos nas praias de Carnota (Carnota) e Langosteira (Arteixo), na provincia de A Coruña, que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros
 

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de dous novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). Con estes son xa doce os casos detectados en Galicia, todos eles en mascatos.

 

Trátase de dous individuos desta especie (mascato, alcatraz común ou atlántico, Morus bassanus), recollidos un deles na praia de Carnota (Carnota), neste caso atopado morto, e outro na praia de Langosteira (Arteixo), atopado enfermo. Ambos achados realizáronse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve a Xunta.

 

As aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), onde seguindo o protocolo establecido entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, tras a toma de mostras de ambos animais, o mascato enfermo foi eutanasiado e ambos cadáveres foron eliminados conforme á normativa vixente.

 

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e das que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio post-nupcial (para invernar) cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.

 

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades veterinarias veñen notificando nos últimos meses numerosos casos de IAAP nesta especie, posible orixe dos casos detectados agora en Galicia, relacionados coa migración anual destas aves cara o sur. É esperable polo tanto que poida existir un goteo na detección en Galicia de exemplares de mascato positivos á IAAP nesta época do ano, coincidente co citado período migratorio, sen que isto signifique un aumento no nivel de risco para a avicultura da nosa comunidade.

 

Polo demais, e aínda que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito á Xunta.

 

Os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, porén a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. Tamén, de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita á Xunta.

 

Por último, compre sinalar que durante o presente ano 2022 un total de 11 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 20/09/2022