O presidente da Xunta interveu na entrega das condecoracións no Pazo de Quián (Boqueixón)

Rueda celebra que as Medallas Pardo Bazán premien a traxectoria de mulleres referentes que inspiran ás demais a seguir o camiño da igualdade

Manifesta que non hai táctica nin discurso político que poida ignorar que as mulleres aínda son vítimas da desigualdade: “Nin titubeos, nin pasos atrás”

“Como presidente da Xunta, pero tamén como pai de dúas fillas, farei todo o que estea na miña man para que o presente e o futuro de todas as nenas e adolescentes en Galicia, sexa un presente e un futuro en igualdade”, subliña

Asegura que o Goberno galego seguirá traballando para rachar coa fenda de xénero, destacando a nova Lei galega de Igualdade que se atopa en tramitación
 

Boqueixón (A Coruña), 20 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou esta tarde, no acto de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán 2022, que estas condecoracións premien a traxectoria de mulleres referentes que inspiran ás demais a seguir o camiño da igualdade.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego puxo de relevancia o exemplo da “galega universal” que dá nome a estas distincións. “As súas leccións son unha guía para saber de onde vimos, que logramos e que nos queda por acadar para que a igualdade real sexa cada vez menos un horizonte, e cada vez máis unha realidade”, apuntou. Nese mesmo sentido, manifestou que non hai táctica nin discurso político que poida ignorar que as mulleres aínda son vítimas da desigualdade. “Nin titubeos, nin pasos atrás”, abundou.

Ademais de sinalar que a loita pola igualdade está chamada a ser un movemento amplo e en continuo movemento, Rueda salientou os “indubidables avances” experimentados nos últimos anos. Así, e logo de recoñecer que Galicia non parte do mesmo punto que o da escritora na procura dun mundo máis igualitario, “nos nosos días segue a ser imprescindible a promoción dunha sociedade sen fendas de xénero”.

Máis mulleres referentes

O presidente da Xunta lembrou, do mesmo xeito, a necesidade de que as nenas e os nenos teñan espellos nos que mirarse atopando deportistas, científicas, empresarias ou artistas que lles demostren que non hai límites para as súas aspiracións. “Menos clichés nocivos e máis referentes”, dixo, engadindo que “como presidente da Xunta, pero tamén como pai de dúas fillas, farei todo o que estea na miña man para que o presente e o futuro de todas as nenas e adolescentes en Galicia sexa un presente e un futuro en igualdade”.

Nesa mesma liña, tivo tamén palabras de recoñecemento para as premiadas coas Medallas Emilia Pardo Bazán deste ano.

De Cristina Fernández, primeira fareira de Galicia e segunda de España, gabou a súa “pericia, bravura e naturalidade” que demostran os seus 48 anos á fronte do faro do Cabo Vilán e ser un exemplo de que non hai profesión ni territorio vedado para as mulleres.

No caso da Asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños, o titular do Executivo autonómico destacou como a igualdade e o compromiso están na súa esencia, así como as tres décadas de dedicación para que as mulleres con discapacidade poidan acceder a un traballo co que desenvolver con autonomía a súa vida.

Por último, sobre a Fundación María José Jove, puxo de relevancia o seu traballo para que os menores cuxa casa se viu invadida pola lacra da violencia machista atopen na Fundación un segundo fogar. Neste sentido, felicitou á entidade por ser un exemplo a nivel estatal na terapia con animais, de xeito que os cativos poidan ter un entorno afectivo e de seguridade que lles permita relatar as súas vivencias en sede xudicial. Ademais,  referiuse á súa fundadora -falecida prematuramente hai dúas décadas-, e que lle dá nome á entidade, como unha desas galegas referentes que racharon teitos de cristal no mundo da empresa.

Para finalizar, Alfonso Rueda asegurou que o Goberno galego seguirá traballando para rachar coa fenda de xénero, destacando a nova Lei galega de Igualdade que se atopa en tramitación. Sobre esta nova normativa, referiuse a que impulsará a protección contra ataques sexistas nos medios dixitais, recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, ou por cuestión de idade, pobreza ou inmigración, introducirá a idea do benestar laboral ligado á conciliación, á maternidade e ao teletraballo, e creará un Estatuto das mulleres rurais e do mar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2022