A Xunta aborda co embaixador representante permanente de España na UE a presidencia española do Consello da UE

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, remata a súa visita institucional a Bruxelas con este encontro no que se trataron cuestións como a adxudicación dos fondos europeos, a pesca en augas profundas ou a extensión do Corredor Atlántico ao noroeste peninsular

Bruxelas, 21 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remata hoxe a súa visita institucional a Bruxelas cun encontro con Marcos Alonso, embaixador e representante permanente de España ante a Unión Europea. A reunión, na que tamén estivo o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, tivo como principal asunto a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea, no segundo semestre do ano 2023, pero tamén se abordaron cuestións como a rede de transportes transeuropea, a pesca en augas profundas ou a necesidade dunha transición xusta cara á neutralidade climática en 2050.

 

A quenda de España na presidencia rotatoria do Consello será a primeira dende o primeiro semestre do 2010. Este cargo chega nun momento cheo de desafíos para a UE en múltiples eidos, como a transición enerxética, a invasión rusa da Ucraína e a consecuente crise, a dixitalización ou os retos que afronta a democracia. O programa de traballo da Presidencia española ten como principais prioridades a recuperación económica, a seguridade enerxética e a autonomía estratéxica aberta.

 

O semestre de Presidencia española será, pois, moi importante para a Xunta e os seus propósitos en clave europea, considerándoa unha cuestión de Estado e ofrecendo a súa colaboración. O Goberno autonómico tamén está disposto a axudar na organización dos dous consellos informais que se celebrarán en Galicia o próximo ano: o encontro dos ministros de Pesca, que se celebrará en Vigo no mes de xullo, e a reunión dos ministros de Economía e Finanzas, que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de setembro.

 

Galicia apela, ademais, a dar un pulo ao chamamento para establecer unha Macrorrexión Atlántica que permita reforzar a cooperación política e económica das rexións atlánticas. España e Portugal apoian esta medida, á espera de chegar a un acordo con Francia e Irlanda.

 

O vicepresidente segundo da Xunta realizou esta semana a súa primeira viaxe institucional a Bruxelas. Na xornada de onte visitou a oficina da Fundación Galicia Europa (FGE), onde coñeceu aos profesionais e bolseiros que traballan neste organismo e o labor desta no que se refire á participación galega nos asuntos europeos e á defensa dos intereses galegos ante a Unión Europea.

 

Tamén onte participou nun encontro con funcionarios galegos das institucións comunitarias e visitou o Parlamento Europeo da man da eurodeputada española, Rosa Estarás Ferragut.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2022