A Xunta remite ao Concello de Lugo o informe favorable condicionado sobre o 5% do PXOM

Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego remata así o seu papel na tramitación desta ferramenta urbanística, que queda agora en mans do Concello para a súa aprobación definitiva en pleno

O novo planeamento deberá recoller integramente as condicións expresadas nos informes emitidos pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil así como outros aspectos relativos aos cursos fluviais
 

Lugo, 21 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia remitiu hoxe ao Concello de Lugo o informe favorable, pero condicionado da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade, pendente de aprobación desde o ano 2011.

 

Con esta resolución, tal e como salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, remata o papel do Goberno galego na tramitación desta ferramenta urbanística. “Polo tanto, xa o deixamos na man do Concello para a súa aprobación definitiva”, engadiu.

 

Porén, a conselleira lembrou que o informe autonómico remitido hoxe inclúe condicionantes que o Goberno local deberá cumprir e resolver como paso previo á aprobación do 5% pendente.

 

Deste xeito, o documento que se someta á consideración do pleno municipal deberá recoller integramente as condicións expresadas nos informes emitidos pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre este 5% do PXOM, así como outros aspectos relativos aos cursos fluviais.

 

Logo de incidir na celeridade coa que actuou a Consellería, xa que cómpre lembrar que o Concello remitiu a documentación á Xunta este mesmo mes de setembro, Ángeles Vázquez reiterou o compromiso do Goberno galego con Lugo e os seus cidadáns, contribuíndo deste xeito a que a cidade dispoña dun PXOM completo o antes posible.

Data de actualización: 21/09/2022