O presidente da Xunta presidiu a inauguración institucional do supercomputador FinisTerrae III no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)

Rueda reafirma o obxectivo de colocar Galicia na elite das tecnoloxías de alta precisión ao servizo da investigación e da industria

Pon en valor que esta nova tecnoloxía cuántica, que conta cun investimento de 7M€, permite avanzar na investigación médica, na loita contra o cancro e tamén no estudo de pandemias ou na xestión de recursos pesqueiros, entre outras aplicacións
 

Lembra que Galicia alberga o segundo gran centro de computación de España polo que conta con “argumentos moi sólidos” para ser unha candidata a “ter en conta” para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela,  21 de setembro de 2022   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o obxectivo de colocar a Galicia na elite das tecnoloxías de alta prestación ao servizo da investigación e da industria.

“Xa estamos no grupo cabeceiro e nunha situación punteira, pero temos que ir a máis, e imos ir sen ningunha dúbida”, aseverou o titular do Goberno galego durante a inauguración institucional do supercomputador FinisTerrae III no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). O novo procesador cuántico, que contou cun investimento de 7 millóns de euros, permite resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo, multiplicando por 12 a capacidade de cómputo do FinisTerrae II.

Precisamente, Rueda salientou que Galicia alberga o segundo gran centro de computación de España, do que puxo en valor que é “un dos máis competitivos de Europa”. “E así temos que seguir”, emprazou, á vez que defendeu que “todo investimento en I+D+i e tamén en materia cuántica, que é o futuro, é un investimento rendible”.

Alfonso Rueda destacou os avances que esta ferramenta permite nos eidos da investigación e da industria, multiplicando as posibilidades do desenvolvemento de Galicia en I+D+i. De feito, lembrou que ademais de tratarse dunha tecnoloxía de última xeración, facilita avanzar en campos como a investigación médica, na loita contra o cancro ou o cambio climático, na predición meteorolóxica, no estudo das pandemias, na xestión de recursos pesqueiros ou no desenvolvemento de edificios e centros de traballo intelixentes.

A adquisición deste equipo supón un investimento de 7 millóns de euros que foi posible grazas ao financiamento da Comisión  Europea, vía fondos Feder, a través do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020, coa aportación dun 80% do total (5,6 millóns), e o cofinanciamento da Xunta de Galicia, que aportou un 15% (1,05M), e do CSIC (0,35M; un 5%).

Sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

Ademais de acurtar os tempos na obtención de resultados, o FinisTerrae III resulta clave para atender a un maior número de usuarios e para fortalecer as capacidades da intelixencia artificial. De aí que o presidente da Xunta apuntara que Galicia cos centros de investigación, coa tecnoloxía de altas prestacións e cos grupos de traballo que dispón  conta con “razóns de sobra” para postularse a albergar a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. “Temos argumentos moi sólidos para que Galicia sexa unha candidata a ter en conta”, enfatizou cara ao final da súa intervención.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2022