A iniciativa ‘Mercar no teu comercio ten premio’ dinamizará o sector en máis de 40 localidades galegas

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou na presentación desta campaña impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta, que se desenvolverá ata finais de novembro
 

Sortearanse máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade, co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes
 

A Administración autonómica activará nas próximas semanas os Bonos Activa Comercio, con descontos de 30 euros para as compras nos comercios adheridos
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na presentación da campaña de dinamización comercial  Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios.
 

Esta iniciativa complementa as distintas accións impulsadas pola Xunta para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que se activará nas próximas semanas. Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2022