A Xunta ofrece formación técnica en prevención de riscos a 175 persoas sobre a modificación de máquinas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe o webinario do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral co título Teño que modificar unha máquina, que debo facer?

A xornada enmárcase na oferta de cursos do Instituto de seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) que no primeiro semestre de 2022 formou 2.400 persoas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

A Xunta inaugurou hoxe un webinario no que toman parte 175 persoas acerca da modificación de máquinas en condicións de seguridade e con acordo á normativa actual. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu esta formación organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) en colaboración con Fremap, dirixida a persoal que traballa en prevención de riscos, empresariado, xestores de equipos e outros profesionais.

A xornada puxo o foco nas modificacións substanciais ou non da maquinaria e as responsabilidades que as mesmas poden implicar, dando resposta ás dúbidas que empresas e traballadores poidan ter en materia de seguridade.

“A protección das persoas traballadoras contra os riscos provenientes dos equipos de traballo debe comezar coa necesaria avaliación do seu estado e a súa utilización, pero a vida dun equipo de traballo é longa e é habitual que se someta a modificacións e xurda a necesidade de adaptacións”, indicou Mancha.

A xornada de hoxe afondou nas obrigas que ten que asumir o empresario que acomete eses cambios, e someteu a repaso os requisitos de comercialización dos aparellos ou a súa posta en servizo sen perder a seguridade ofrecida pola máquina.

A acción enmarcouse na oferta de actividades do Issga para este 2022, que no primeiro semestre xa permitiu formar 2.400 persoas en cuestións relacionadas coa seguridade laboral e a prevención de riscos a través de 33 cursos, en resposta ás demandas técnicas do tecido produtivo galego.

A Xunta segue a avanzar para instaurar unha cultura de prevención de riscos en aqueles sectores que presentan unha especial sinistralidade ou perigo a través de actividades formativas e informativas para actuais e futuros profesionais. A promoción da seguridade e saúde no traballo ten como obxectivo final a mellora das condicións laborais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/09/2022