Román Rodríguez salienta que a Xunta continuará traballando con lealdade para recuperar os bens do interior do Pazo de Meirás

O conselleiro de Cultura celebra o paso dado polo Estado para reclamar a propiedade de varios bens, atendendo á reclamación formulada polo Goberno autonómico desde hai tempo


“Acredítase que a única forma de garantir a propiedade é a vía xudicial e agora agardamos seguir mantendo a unidade de acción dos últimos anos para uniformizar criterios e dar garantías ao proceso”, expresa
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, celebrou hoxe en nome da Xunta o paso dado polo Goberno do Estado ao reclamar a propiedade de determinados bens de Meirás vinculados á figura de Emilia Pardo Bazán e de Franco en calidade de xefe do Estado durante a ditadura.

 

En declaracións ao programa Bos días da TVG indicou que é unha decisión que ratifica a postura da Xunta que levaba tempo reclamándoo ao Estado. “É un paso que levabamos moito tempo demandando desde a Xunta, que tiña que dar o Goberno do Estado e que acredita de novo que o único camiño de garantir a propiedade dos bens é a través da vía xudicial”, explica o titular de Cultura do Goberno autonómico, como así se fixo tamén con éxito co inmoble e con determinados bens vinculados ao Pazo.

 

Como indicou, a noticia da reclamación dos bens foi coñecida pola Xunta a través dos medios de comunicación. Espérase agora contar con información directa por parte do Goberno central para “manter a unidade de acción que mantivemos ata o de agora”. Neste sentido, salientou a intención do Goberno autonómico de continuar “traballando de maneira coordinada e con lealdade para uniformizar criterios e dar garantías ao proceso”.

Data de actualización: 22/09/2022