O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou hoxe esta queixería lucense

A Xunta destinou máis de 61.000 euros a un proxecto piloto da queixería Prestes de Vilalba para converter o soro dos queixos en produtos con valor engadido

A achega foi concedida no marco da convocatoria do ano pasado para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal
 

Permitirá valorizar o soro mesturado con auga dando como resultado produtos funcionais libres de alérxenos como soro concentrado para alimentación infantil, manteiga para repostería, requeixo normal e de sabores ou fetiñas a partir de requeixo
 

José Luis Cabarcos aproveitou para anunciar que en breve se comunicarán os beneficiarios da convocatoria deste ano -por 2,4 millóns de euros- e da de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, por 6,12 millóns

Vilalba (Lugo), 22 de setembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe a fábrica da queixería Prestes, beneficiaria dunha axuda de máis de 61.000 euros no marco da convocatoria do ano pasado para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. En concreto, a achega serviu para valorizar o soro mesturado con auga derivado da elaboración dos queixos.

 

Desenvolvido en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proxecto consiste en recorrer ao nanofiltrado do soro para a obtención de produtos funcionais libres de alérxenos, como soro concentrado para alimentación infantil, manteiga para repostería, requeixo normal e de sabores ou fetiñas a partir de requeixo. Ao mesmo tempo, apóstase pola recirculación de ata un 80% da auga empregada, contribuíndo ao aforro de consumo hídrico e á redución da pegada de carbono.

 

O director aproveitou a visita para avanzar que en breve se comunicarán os beneficiarios da convocatoria deste ano para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal, que contou cun orzamento de 2,4 millóns de euros. Tendo en conta que a intensidade da axuda acada ata o 80% dos gastos subvencionables, a contía máxima subvencionada en cada iniciativa pode acadar ata os 150.000 euros.

 

Os obxectivos son mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade, de engadir valor aos produtos agrarios e de facer promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais. Ao mesmo tempo, estas achegas contribuirán a facilitar a entrada no sector primario de agricultores adecuadamente formados, ao uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios e a promover a subministración e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

 

Así mesmo, está a piques de resolverse a convocatoria para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), dotada con máis de 6,12 millóns, podendo acadar cada iniciativa unha contía máxima de ata 180.000 euros.

 

Neste caso, os grupos operativos que se constituíron para a execución de proxectos son agrupacións formadas por un mínimo de dous actores interesados, orientadas á identificación de problemas concretos ou oportunidades nos sectores agroalimentario e forestal, a partir dos que se xeren iniciativas innovadoras que dean resposta e solucións a esas dificultades ou oportunidades detectadas, sempre no ámbito dos obxectivos da AEI.

 

Así, o proxecto de innovación proposto debe xerar ou adaptar, dominar e utilizar unha tecnoloxía nova nunha área xeográfica, nun sector ou subsector produtivo ou nun campo específico do sector agroforestal. Esta tecnoloxía nova deberá representar un avance significativo fronte ás tecnoloxías utilizadas nesas áreas xeográficas, sector/subsector produtivo ou campo específico en que se pretenda innovar, e permitirá a quen o desenvolva a súa mellora. Esta innovación tecnolóxica pode ser de produtos (bens ou servizos) ou de procesos de produción ou de xestión. A innovación de produtos dáse cando se introduce no mercado un produto novo ou significativamente mellorado nas súas características técnicas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 22/09/2022